Patrimonio de Vimianzo
6 de decembro de 2024
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

IGREXA DE SAN PEDRO DE BERDOIAS

Enderezo:

Berdoias - Vimianzo (A Coruña)

Parroquia: Berdoias

Advocación
: San Pedro

Cronoloxí
a: Séculos XVII, XVIII e XIX

Estilo
: Barroco e Ecléctico


A igrexa de San Pedro de Berdoias é de pequenas dimensións, e presenta unha planta de salón con unha cabeceira cadrada. A capela maior foi mandada construír polo fidalgo Alonso de Lema e a súa dona, Maior Franqueira. Cóbrese cunha bóveda nervada, estrelada e apoiada en catro ménsulas. A bóveda ten cinco claves con sinxela decoración de rosetas, cruces…. Comunícase coa única nave mediante un arco triunfal formado por un carpanel sobre piares. No lado septentrional, apegada á sacristía, construíuse unha capela dedicada ao santo Anxo da Garda que se sitúa no centro  do muro testeiro, acompañado dun Neno e camiñando sobre nubes.

A capela cóbrese con bóveda de canón. No exterior sobresae unha cornixa que rodea toda a edificación. A fachada está dominada pola gran torre de estilo ecléctico que a divide en dous. Consta de tres corpos e sobresae en planta e en alzado. Esta fachada foi edificada a mediados do século XIX. De abaixo arriba aparecen a porta, unha frontal coa imaxe pétrea do santo titular (san Pedro) e a torre, que está formada por un segundo corpo con arcos de medio punto e rematada por un tambor octogonal e unha lanterna.


No interior non se conservan retablos, a diferenza da maioría dos templos da zona, e soamente se poden ver imaxes. A do titular, san Pedro, atópase sobre unha fornela no lado esquerdo do  presbiterio e é de estilo neoclásico.

Na parroquia de Berdoias había outro templo anterior situado no lugar de Grixoa. O actual, que se ergue a carón da estrada comarcal 552, construíuse polos desexos do fidalgo Alonso de Lema II -personaxe moi influinte na época- e a súa dona, que no ano 1617 sufragaron as obras da capela maior. Como proba desto, no seu interior pódese ver na clave da bóveda estrelada da capela o anagrama do nome do fidalgo. E no exterior do templo tamén aparece o seu nome e a data na que se construiu. 


BIBLIOGRAFÍA

LEMA SUÁREZ, XOSÉ M.; A ARTE RELIXIOSA NA TERRA DE SONEIRA. EDIT. FUNDACIÓN UNIVERSITARIA CULTURA. 1993

SORALUCE BLOND, JOSE RAMÓN; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, XOSÉ; ARQUITECTURA DA PROVINCIA DA CORUÑA . DIPUTACIÓN PROVINCIAL DE A CORUÑA.


Berdoias - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña