Patrimonio de Vimianzo
26 de abril de 2024
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

IGREXA DE SANTA MARÍA DE SALTO

Enderezo:

Salto - Vimianzo (A Coruña)

Parroquia: Salto
Advocación: Santa María
Cronoloxía: séculos XV, XVIII e XIX
Estilo: Gótico, Barroco-rococó e Ecléctico


A igrexa antiga Santa María de Salto, malia aparentar planta en cruz, presenta unha planta de salón, formada por unha capela maior cuadrangular e unha nave rectangular. No primeiro tramo dos muros norte e sur da nave acaroáronse senllas capelas laterais, rectangulares, e ao muro norte da capela maior, a sancristía, case cuadrangular. A parte máis antiga e interesante é a capela maior, de estilo gótico, seguramente construída no século XV. A esta época responde a bóveda de crucería nervada que a cobre, e tamén o arco triunfal de entrada, apuntado.


Son particularmente interesantes os capiteis cilíndricos historiados das semicolumnas que soportan a bóveda. No capitel do lado norte hai un relevo cunha figura humana que tanxe unha mandolina e cun animal bravo que se lle achega por detrás. Pode representar o Orfeo do mundo clásico –amansador das feras-, unha prefiguración de Cristo, pero tamén se pode pensar en san Brais –venerado nesta parroquia-, que entre os milagres que se lle atribuían estaba o de lle volver a unha pobre muller un porco que lle roubara un lobo. Deste xeito, o santo de Sebaste tamén aparecería coma un Orfeo cristián dominador das feras. Outra posibilidade é que o representado sexa santo Eutelo, outro santo dominador de animais bravos (neste caso dun can rabioso). No capitel do lado sur a figura representada cobre a cabeza cunha touca e ten un libro aberta nas mans. A interpretación é máis difícil, pero podería ser a Sibila de Cumas, que anuncia a Cristo.


Os construtores deste templo parece que se inspiraron moito nos mitos clásicos, pois na clave da bóveda aparece representado un Helios (o Sol). A nave data do século XVIII, aínda que nos muros sur e oeste consérvanse, incrustadas, dúas pezas de cantería nas aínda se poden ler, incompletas, as seguintes inscricións, escritas en galego medieval: …O FAZER… (muro sur) e OBRA M… (muro oeste). Entre 1954 e 1959 ancheouse a nave e cubriuse toda ela con bóvedas de cemento. A sancristía, cuberta cunha bóveda nervada volteada sobre semicolumnas, construíuna en 1702 o canteiro Domingos de Alborés. Nun nicho do interior desta sancristía hai unha imaxe de pedra que representa a unha orante, que o visitador pastoral de 1729 mandara retirar por temor a que se tomase por unha santa, pero parece que os párrocos non lle fixeron moito caso. Na fachada conservouse sobre o lintel da porta un arco de medio punto feito cunha decoración de puntas de diamante de fasquía románica. Tendo en conta que no século XV aínda se conservaban formas dexenerativas románicas, pode ser resto da época de construción do templo. A espadana que coroa a fachada é de 1832. No adro parroquial consérvase unha tumba de pedra, o que indica que no seu subsolo seguramente se oculta unha necrópole antiga coma en Tines.


Retablos e imaxes  O retablo maior, dun corpo dividido en tres paneis e un ático, foi obra do escultor de Sandrexo (Treos) Francisco Castro Agudín, no ano 1789. Podemos encadralo dentro do estilo barroco-rococó, polas súas columnas panzudas, decoración de rocallas que rodean camafeos, restras vexetais etc. Presídeo no fornelo central unha Asunción da Virxe, de estilo barroco: nun escenario moi teatral –mesmo cun pano enmarcando a escena-, María ascende ao ceo sobre un trono de nubes algodonosas acompañada de varios querubíns. É obra do mesmo autor do retablo, que tamén debeu ser o artífice do san Xosé do fornelo da esquerda, que copia modelos do círculo Gambino-Ferreiro de Compostela. A figura de san Bartolomeu do fornelo da dereita non corresponde a este retablo, pois procede da modesta ermida do santo situada no cume do monte do seu nome (é tamén obra barroca de finais do século XVIII).


Na capela lateral norte hai outro retablo de formas neoclásicas, pero construído a mediados do século XIX. Hoxe presídeo, no panel central, unha imaxe do Sagrado Corazón de Xesús (ecléctica, do ano 1909). Quizais estivo dedicado a santo Eutelo, avogado contra a rabia, unha pequena figura  barroca situada no ático, que ademais dun can ós seus pés, viste roupas episcopais, unha tiara sobre a cabeza e leva un pau de tres cruces na man (atributos papais). Na parte alta do retablo hai tamén un san Roque na parte esquerda (barroco, século XVIII) e un santo Antonio barroco. Na parte inferior, na fornela da esquerda colocouse recentemente a fermosa imaxe de María Madalena, representada aquí baixo unha iconografía pouco habitual: non é a tan repetida Madalena penitente, senón a mirófora, a muller cortesana que se dirixe maxestosamente –coma unha koré grega- cara a Cristo cun vaso de perfumes na man para lavarlle os pés. É unha verdadeira xoia escultórica, pois, polos datos documentais que temos, é unha obra de estilo renacentista (das moi escasas de toda a comarca), obra anónima esculpida contra 1551, ano en que un matrimonio local, conformado por García Cousillas e a súa dona Cathalina Alonso, consignan no seu testamento unha capelanía dedicada a esta santa coa finalidade de que cunha parte das súas rendas se destinase a proporcionar un dote a doncelas pobres da súa parentela. Na fornela da dereita deste retablo hai un san Brais, santo recoñecible por levar a man á gorxa (obra ecléctica da segunda metade do século XIX).


A capela lateral sur ocupouse cun grupo escultórico de tamaño case natural que representa un Calvario: Xesús na cruz coa súa nai e o apóstolo san Xoán aos seus pés. Trátase unha obra ecléctica, seguramente esculpida nun obradoiro compostelán, doada polo sacerdote nativo da parroquia, José Pailos, no ano 1958, como consta nunha inscrición en mármore.Fóra dos retablos hai outras imaxes de interese artístico no templo: unha Virxe do Rosario de estilo barroco, obra do escultor coruñés Vicente Estévez, no ano 1766; un santo Eloi, recoñecible por un martelo que leva na man e polas roupas pontificais e o báculo de bispo, obra ecléctica do século XX; unha Inmaculada de bo tamaño, obra ecléctica da primeira metade do século XX, e tamén un pequeno crucifixo gardado na sancristía, obra barroca datada no ano 1757. Na parroquia de Salto, ao ser un territorio moi extenso, construíronse varias capelas nos lugares máis distantes. Ademais, en 1968 o cardeal Quiroga Palacios inauguraba unha nova igrexa en Castromil, un lugar máis céntrico que onde se atopa o antigo templo, ao que antigamente era difícil acceder. Hoxe é a igrexa parroquial titular de Santa María de Salto.









Bibliografía:


LEMA SUÁREZ, X.Mª (1993): A Arte Relixiosa na Terra de Soneira; t. II; Fundación Universitaria de Cultura; Santiago.

LEMA SUÁREZ, X.Mª (2000): “Artistas e talleres rurais nas Terras de Soneira e de Nemancos (séc. XVIII), en Actas do I Simposio de Historia da Costa da Morte (Baio e Zas 18, 19 e 20 de xuño de 1999), Asoc. Neria, Cee (pp. 175-205).

LEMA SUÁREZ, X. Mª (coord. e dir.) et alii (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte; Edicións Xerais de Galicia, Vigo.  


Salto - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña