Xornada ERN4mob Excursión ERN4mob Proxecto ERN4mob

Relatores

Biografías

Manuel Antelo Pazos. Licenciado en matemáticas e profesor de ensino secundario. Alcalde do Concello de Vimianzo desde 2011, reelixido nas eleccións municipais de 2015. Xa na súa época de estudante formou parte dos movementos estudantís vinculados á esquerda nacionalista galega, e desde entón é militante activo en organizacións do mesmo ideario, defendendo a identidade nacional de Galicia desde unha perspectiva progresista, de esquerdas e internacionalista. Como alcalde de Vimianzo conseguiu reducir notablemente a débeda municipal, ao tempo que dirixe un goberno centrado nos servizos sociais, a cultura e o fomento de emprendemento. Un dos retos a que se enfronta nesta lexislatura é o de conseguir xerar dinámicas políticas que contribúan a mellorar a economía local e que creen emprego, loitando contra o desemprego e a emigración dos veciños de Vimianzo.


Laura Oso Casas. Profesora titular na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, é coordinadora do ESOMI, equipo de investigación de referencia estatal e internacional no estudo das migracións internacionais. Doutora en Socioloxía pola Université de Paris I – Panthéon-Sorbonne (2002), ten sido consultora para diversos organismos internacionais (OCDE, Unión Europea, INSTRAW-ONU) e ten realizado estadías de investigación en Estados Unidos, Francia e América Latina (University of California, Berkeley, Université de Paris I – Panthéon-Sorbonne, Université de Paris VII, Flacso Ecuador, Universidad de Buenos Aires). O seu traballo de investigación tense orientado fundamentalmente ao estudo da problemática de xénero e migración e, en concreto, da inserción das mulleres inmigrantes no mercado de traballo (servizo doméstico, traballo sexual, empresariado étnico). Entre as súas liñas de investigación destacan tamén o estudo da emigración española en Francia (mulleres empregadas de fogar e porteiras, segunda xeración), así como a análise das migracións desde a perspectiva das estratexias e traxectorias interxeracionais de mobilidade social. Traballa igualmente sobre o nexo entre xénero, migración e desenvolvemento. Entre as súas principais publicacións destacan a coedición do libro The International Handbook on Gender, Migration and Transnationalism. Global and Development Perspectives, publicado por Edward Elgaren en 2013 e reeditado en tapa branda en 2015, así como do número monográfico «Interrogating Intersectionalities, Gendering Mobilities, Racializing Transnationalisms» na revista Identities, Global Studies in Culture and Power. Ten publicando igualmente noutras revistas de impacto (como o Journal of Ethnic and MigrationStudies), e é autora de capítulos de libros para prestixiosas editoriais internacionais (Palgrave Mcmillan, Amsterdam University Press, Temple University Press, Routledge, Ashgate).


Montserrat Golías Pérez. Profesora no Departamento de Socioloxía e Ciencia Política e da Administración e investigadora no Equipo de Sociología de las Migraciones Internacionales (ESOMI), da Universidade da Coruña. É doutora en Socioloxía (2014), licenciada en Socioloxía (1999) e ten un mestrado oficial universitario en migracións internacionais, con especialización en Políticas Migratorias e Mediación Intercultural (2009), pola Universidade da Coruña. A súa tese de doutoramento, Los nuevos españoles a través de la Ley de la Memoria Histórica en Cuba y Argentina: ¿Oportunidad o identidad?, foi dirixida polo catedrático de Socioloxía Antonio Izquierdo Escribano e obtivo como cualificación sobresaliente cum laude por unanimidade (2014). Os seus ámbitos de investigación recollen as áreas de migracións internacionais, identidade, cidadanía, Lei da Memoria Histórica e pluralismo relixioso. Entre as súas publicacións máis recentes están: Los herederos de la ciudadanía (Icaria, 2016); a coordinación da obra Mareas de pluralismo. Minorías religiosas en Galicia (Icaria, 2014), dirixida por Antonio Izquierdo, da que tamén é autora e coautora de varios capítulos; «Travail et migration latino-américaine en Espagne», coescrito con M. Villares e R. Martínez-Buján, en Mobilités au féminin. La place des femmes dans le nouvelétat du monde (editado por N. Ribas-Mateos e V. Manry, Karthala, 2014); e «Argentina. La Ley de Nietos» e «Cuba. Migraciones de ida y vuelta» en La migración de la memoria histórica (editado por A. Izquierdo, Bellaterra, 2012). Na actualidade participa nos proxectos de investigación «Tendencias globais nas desigualdades sociais en Europa e América Latina explorando vías innovadoras para reducilas a través da investigación de traxectorias educativas, ocupacionais e de vida para afrontar a incerteza», financiado polo Programa Horizon 2020, da Comisión Europea (período 2016-2019) e «Xénero, mobilidades cruzadas e dinámicas transnacionais». financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade (período 2016-2019).


Juan José Lirón Lago. Licenciado con grao en Ciencias Económicas pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Ten estudos de terceiro ciclo en Intergración Económica Europea, e é diplomado en Comunidades Europeas. Na actualidade, é o subdirector xeral de Emprego na Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e membro do Consello Asesor do IGAPE desde o ano 1992. Con 29 anos de experiencia en planificación, programación e xestión de fondos europeos, é o autor de 25 artigos, comunicacións e relatorios sobre planificación e programación económica e de política rexional; ten colaborado en 51 traballos sobre a temática e ten participado como relator en 45 conferencias e seminarios sobre desenvolvemento e política rexional e servizos ás empresas. Así mesmo, na súa traxectoria profesional foi profesor de 54 cursos sobre Fondos Estruturais Comunitarios, axudas públicas, fiscalidade das pemes, e xestión de cooperativas e pemes, e relator en 28 conferencias e reunións sobre cooperación territorial na UE e sobre cooperación transfronteiriza na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.


Carolina Fenoll Espinosa. Consultora especializada en financiamento comunitario para as industrias culturais e creativas. Licenciada en Humanidades pola Universidad San Pablo C.E.U., cursou un mestrado internacional en Comunicación e xestión de políticas culturais na Libera Università Maria SS. Assunta (Roma, 2000-2001) e un mestrado en Patrimonio Audiovisual. Historia, Recuperación e Xestión na Universidad Complutense de Madrid (2013-2014). É membro da Asociación Española de Gestores del Patrimonio Cultural (AEGPC) e da Asociación Española de Cine e Imagen Científicos (ASECIC). No ámbito da xestión cultural, ten traballado nos gabinetes de comunicación e relacións institucionais de diversas entidades públicas, tales como o Instituto Nacional de Turismo (Turespaña), a Academia de España en Roma, a Fundación Amigos del Museo del Prado e o Círculo de Bellas Artes de Madrid. Por outra parte, ten desenvolvido a súa carreira como consultora no sector privado traballando para, entre outras entidades, LordCultura (empresa do grupo LORD Cultural Resources especializada en planificación estratéxica e creación de capital cultural). Desde 2012 traballa como asesora técnica nas oficinas Europa Creativa-Cultura e Punto Europeo de Ciudadanía, ambas aloxadas na Secretaría de Estado de Cultura. Por mandato da Comisión Europea, estas oficinas encárganse, respectivamente, de difundir
a información e ofrecer asesoría técnica sobre os programas comunitarios Europa Creativa-Cultura e Europa cos Cidadáns.


Pilar Piñeiro. Técnica en Asuntos Europeos na Deputación da Coruña. Licenciada en Dereito e en Periodismo, cursou un mestrado en Estudos da Unión Europea e un posgrao en Cooperación ao Desenvolvemento. Ten desenvolvido a súa carreira profesional no sector da consultoría xurídica, e desde 2017 forma parte do equipo Europe Direct A Coruña, centro de información oficial da Comisión Europea adscrito á Deputación da Coruña, onde desenvolve funcións técnicas de asesoramento e información sobre diferentes aspectos da UE.


Laura González-Dopeso Portela. É actualmente a subdirectora xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia. Funcionaria do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia dende 2009, é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1998), estudou entre os anos 1998 e 1999 un mestrado en Estudos da Unión Europea no Instituto Universitario de Estudios Europeos da Universidade da Coruña e no ano 2000 o Curso Superior de Estratexia e Xestión de Comercio Exterior, ICEX. Ten ampla experiencia en proxectos europeos, concretamente en preparación de candidaturas, xestión, coordinación de proxectos europeos de cooperación transnacional en materia de turismo nos programas Poctep, Cosme, Sudoe, Interreg Europe e Espacio Atlántico. Ten participado nos comités de pilotaxe e organización das actividades programadas, principalmente organización de xornadas, seminarios, conferencias, mesas redondas, cursos de formación, edición de publicacións e fam-trips.


Roberta Campagna. Licenciada en Dereito pola Universitá degli Studi di Palermo, estudou o mestrado en dereito Estudos da UE da Universidade da Coruña, así como o Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social da Cátedra Inditex-UDC. Durante os anos 2015-2017 traballou como técnica de apoio en proxectos no Servizo de Desenvolvemento Territorial e Medio Ambiente da Deputación da Coruña. Actualmente é bolseira en asuntos públicos europeos na Fundación Galicia-Europa.


Noelia Quitáns Pose. Técnica social na Cruz Vermella Española en Vimianzo, onde desenvolve labores de atención a persoas en situación de vulnerabilidade e exclusión social, valoración e seguimento de casos, coordinación con organismos externos, xestión de axudas económicas e reparto de alimentos e xestión de voluntariado. Estudou a diplomatura en Educación Social na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (2008-2011).

María Vieites Calo. Licenciada en Dereito pola Universidades de Santiago de Compostela, estudou un mestrado en Administración Financeira e Tributaria. Actualmente é empregada autónoma dedicada ao asesoramento principalmente de explotacións gandeiras, así como secretaría xeral da Asociación de Emigrantes Retornados Costa da Morte.


Isabel Muñoz Rodríguez. Directora e asesora xurídica do Centro de Información á Muller, traballa no Concello de Muxía desde o ano 2002. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1995, continuou o seus estudos realizando no ano 2000 un mestrado en Dereito de Familia na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, así como un mestrado en Seguridade no Traballo durante os anos 2001-2002, e obtivo o título de Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais polo CIS da Coruña. Ten unha ampla formación específica en igualdade de oportunidades.


Sandra García Sánchez de Bustamante. Licenciada en Socioloxía pola Universidade da Coruña, especializouse no terceiro sector a través dun mestrado en Dependencia e Xestión e Servizos Sociais, na Universidade da Coruña (2005-2006). Tras realizar un curso de Mediación Intercultural, comezou a traballar en Ecos do Sur en intervención social, favorecendo a integración sociolaboral de persoas migrantes. En 2011 decidiu dar un paso cara a outras realidades e, tras cursar o posgrao de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento e Xestión de Organizacións Non Gobernamentais, do Instituto Universitario de Estudos Europeos da Universidade da Coruña, estivo a traballar na Agencia Española de Cooperación en Nicaragua na área de coordinación de ONGd e na área de xénero. Tras esta experiencia, regresou a Galicia, onde desde 2014 coordinou a área de emprego e formación de Ecos do Sur, tomando parte simultaneamente en diversos proxectos de participación, desenvolvemento, acción social e xénero.


Agnieszka Żurawska-Tatała. Responsable da Oficina de Integración Europea do Concello de Kostrzyn nad Odra (Polonia). É licenciada en Economía pola Universidade de Szczecin, en Estudos Europeos pola Universidade de Poznan, e en Estudos de Xestión en Gorzów. Desde 1999 está fortemente involucrada no desenvolvemento de proxectos da UE, especialmente os proxectos de investimento; grande entusiasta da cooperación internacional e os proxectos transnacionais, nos anos 2004-2007 foi coordinadora do proxecto «Baltic Fort Route», e nos anos 2011-2014 foi coordinadora do proxecto «Forte Cultura». Autora de moitas publicacións sobre fondos estruturais e experta en avaliación de proxectos da UE, é membro do consello da asociación internacional Forts2Market.


Fernandino Lopes. Licenciado en Socioloxía e funcionario da Câmara Municipal de Alter do Chão desde 2005, desempeña funcións nas áreas da educación e acción social. Con posgraduación en Administración Pública e Desenvolvemento Rexional, as cuestións do desenvolvemento local merecen, desde hai moito tempo, a súa reflexión e o seu empeño. Ten ademais particular interese polas cuestións do asociacionismo, a escrita e a fotografía.


Duarte Claudino. Formado en Educación Física e Deporte, forma parte do equipo da Comunidade Intermunicipal do Alto Alentejo desde 2009. Alí asume responsabilidades de organización e coordinación de proxectos deportivos, actividades de carácter transfronteirizo, inseridas no proxecto Btt do Alto Alentejo, no ámbito da promoción da rexión Euroace, coordinación para procedementos para inspección de equipamentos deportivos e para mantemento de céspedes sintéticos nos municipios asociados. Paralelamente, foi responsable da elaboración do dossier de acreditación da CIMAA como entidade formadora. Actualmente, engade ás accións anteriores a participación na xestión de proxectos europeos relacionados con deporte, e tamén con educación e cuestións sociais.


Justyna McCabe. Directora de Programas no concello de Newry, Morne and Down. Justyna leva 10 anos traballando no Concello de Newry, Morne e Down, dirixindo proxectos financiados pola UE dentro de programas como Peace, Interreg, Europa cos Cidadáns e Erasmus. Traballou coas comunidades migrantes en Irlanda do Norte, abordando cuestións de emprego, integración e discriminación.


Artur Piotr Kmiecik. Técnico de apoio ás minorías étnicas no Concello de Newry, Mourne and Down desde 2009. Trasladouse a Irlanda do Norte coa súa familia en 2006. Inicialmente traballou como intérprete do NHS e como asistente de linguas nas escolas primarias que axudaban os nenos das familias migrantes a aprender inglés. No seu tempo libre editou a sección en polaco «Nasze Strony» dos xornais Newry Democrat e Newry Reporter entre 2007 e 2011. En Polonia obtivo un diploma de posgrao en Estudos Británicos e posteriormente en Psicoloxía Social.


Vincenzo D’Alberti. Concelleiro do Concello de Petrosino. En 2003 graduouse en Enxeñaría Ambiental e Territorio na Universidade de Palermo. Estudou o mestrado en Ecoloxía Industrial do Departamento de Investigación Enerxética e Ambiental, e desenvolveu a súa primeira etapa profesional na Oficina do Gabinete do Ministerio de Medio Ambiente, no campo da avaliación ambiental das políticas públicas e da política agrícola comunitaria. Obtivo o título de doutor na Facultade de Enxeñaría da Universidade de Palermo cunha tese sobre a política enerxética e o uso de biomasa residual con fins enerxéticos. É autor de numerosas publicacións científicas no campo das políticas enerxéticas. Membro e vicepresidente (2009-2014) do CTE, o Comité Técnico para a redución de gases de efecto invernadoiro no Ministerio, é responsable das políticas e medidas comunitarias para o logro dos obxectivos de redución das emisións de gases que alteran o clima. Forma parte das delegacións nacionais na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático. Recentemente foi nomeado experto no Comité Económico e Social Europeo.


Rastislav Zaremba. É o actual alcalde de Zemplínske Hámre, na rexión do Alto Zemplín, en Eslovaquia. Graduado pola Facultade de Dereito na Universidade P. J. Safarik de Košice, creou en 2010 a organización xuvenil STEP (Sociedade para o progreso territorial), destinada a apoiar o desenvolvemento persoal dos mozos locais da rexión do Alto Zemplín. Actualmente é presidente do Grupo de Acción Local Vihorlat, que reúne autoridades locais, empresarios privados e terceiro sector para apoiar e traballar no desenvolvemento rexional na súa área.


Lucia Mariničová. Graduada no Departamento de Dirección de Marketing, traballa na actualidade como xestora de proxectos no sector público e privado sen ánimo de lucro. É membro do consello executivo e traballadora xuvenil da organización non gobernamental STEP (Sociedade para o progreso territorial), que opera na rexión do Alto Zemplín, na Eslovaquia Oriental. Ten, entre outros, un certificado de Andragoxía e está especializada na formación de competencias sociais.

Concello de Vimianzo
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X