25 de abril de 2024
Hoxe temos
El tiempo - Tutiempo.net
Turismo Vimianzo

Restaurante Castillo

Torta de filloas

Ingredientes: filloas, 1 l. de crema pasteleira, 1 l. de crema de chocolate, 100 grs. de fariña, 200 grs. de azúcar, 6 xemas de ovo, 1 l. de leite e 200 grs. de améndoas.

  • Crema pasteleira: 100 grs. de fariña, 200 grs. de azúcar, 6 xemas de ovo, 1 l. de leite e pel de limón.
  • Crema de chocolate: 250 grs. de chocolate, 150 grs. de azúcar, 1 vaso de leite, 2 xemas de ovo e manteiga.

Preparación: Facemos as filloas non demasiado finas e colocamos dúas ou tres nun molde untado con manteiga para facer a base. Logo cubrimos as filloas con crema pasteleira e poñemos outra capa de filloas e cubrímolas con crema de chocolate e así ata conseguir a altura que desexemos rematando con crema de chocolate e améndoas trituradas por enriba e gardar no frigorífico.

Polo de Curral con Crema de Piñóns

Ingredientes: 1 polo grande, 1 cebola, 3 cenoria, 4 dentes de allo, 300 grs. de piñóns, pementa negra, manteiga, 6 ovos, fariña, aceite, sal, perexil, loureiro, tomiño e ½ vaso de viño tinto.

Preparación: Trocéase o polo e adúbase con sal e pementa o día anterior. Nunha cazola ponse auga a ferver con loureiro, tomiño, as cenorias en toros, os allos e o viño tinto. Seguidamente dóuranse os anacos de polo nunha tixola con aceite. Cando xa estean dourados pásanse a cazola que temos con auga e tápase ata que o polo estea tenro. Nunha tarteira ponse a manteiga a derreter e váiselle engadindo a fariña ata formar unha bechamel e déixase no lume ata que colla color sen deixar de remexer. Logo á bechamel incorpóraselle un pouco de caldo do polo e déixase ferver 5 minutos. A continuación bátense 4 ovos e póñense na salsa. Tóstanse os piñóns e póñense no morteiro xunto cun pouco aceite e tritúranse ata ter unha pasta que a mesturamos coa salsa.

Os outros dous ovos cócense e resérvanse. Logo colócanse os anacos de polo nunha bandexa e bótaselle a salsa por enriba. Decórase a bandexa con cenorias, perexil picado, ovos cocidos e uns piñóns.

Caldo de Melón

Ingredientes: 2 kg. de ósos, 1 anaco de touciño, 1 anaco de polo, ½ kg. de carne de vitela, ½ kg. de fabas verdes, patacas, pementón doce e un anaco de melón de 4 kg.

Preparación: Poñemos unha pota de auga a ferver e dentro os ósos, o anaco de touciño a carne de vitela o polo e as fabas e deixamos que se faga una caldo concentrado. Logo sacamos a carne e engádenselle as patacas. Pelamos o melón e cortase en anacos pequenos e engádese ao caldo e deixamos cocer lentamente ata que espese. Mentres coce, nunha tixola ponse un pouco de aceite ao lume cun dente de allo ata douralo e pónselle o pementón sen que se queime e engádeselle este rustrido ao caldo, apágase o lume e déixase repousar.

Empanada de Vieiras

Ingredientes: 600 grs. de fariña, 15 grs. de fermento prensado, auga, sal, aceite, 1 cebola, 2 dentes de allo, 2 tomates, 1 kg. de vieiras e pementón doce.

Preparación: Ponse fariña enriba da mesa e nunha cunca un pouco de auga morna, disólvese nela o fermento e un pouco sal. Engádeselle esta auga á fariña pouco a pouco ata ter unha masa consistente. Amásase ben e déixase repousar ata que fermente.

Ponse nunha tixola un pouco de aceite, a cebola picada, os allos e os tomates cortados sen pel. Faise un rustrido e engádenselle as vieiras e o pementón cun pouco de sal.

Engráxase un molde con manteiga, estírase a metade da masa e colócase no molde. Énchese co rustrido e tápase co resto da masa. Péchanse os bordos e vernízase con ovo batido. Ponse no forno ata que estea dourada.

Ollomol á cazola

Ingredientes: 6 anacos de ollomol, 200 grs. de chícharos, 500 grs. de patacas, 1 cenoria, 2 porros, 200 grs. de feixóns, 1 cebola, 2 dentes de allo, 1 limón, 4 espárragos verdes, fariña, aceite, sal e pementa.

Preparación: Ponse auga nunha cazola. Cando empeza a ferver engádense os chícharos, a cenoria cortada en toros, os porros, os espárragos e os feixóns. Sazónase e déixase cocer media hora. Nunha tixola dóuranse as patacas cortadas en toros finos e colócanse no fondo dunha cazola. Salgamos o ollomol, pásase por fariña e frítese.  Escórrense as verduras e colócanse sobre as patacas e despois o ollomol. Dóurase a cebola e engádeselle ao peixe. Ponse pementa cun pouco do caldo de peixe e déixase cocer 20 minutos tapado. Non convén deixalo máis tempo porque se pode desfacer.