CEREIXO IGREXA

Novas

25-02-2022

ANO 2022. VIMIANZO ACOLLERÁ A PRESENTACIÓN DO PROGRAMA SOBRE AS RUTAS QUE LEVAN ATA SANTIAGO DE COMPOSTELA

Vimianzo sempre estivo moi vencellado o Camiño de Santiago debido á influencia cultural do gravado no tímpano da igrexa de Cereixo, onde se pode contemplar a primeira escultura do traslado do corpo do Apóstolo a Galicia. Un fito moi singular, xa que só hai outros tres casos: unha moeda atopada no Grove e outras dúas representacións en Lérida e Navarra.

Neste contexto, a Casa da Cultura acollerá este venres, 25 de febreiro ás 20:00 horas, a presentación do programa sobre todas as rutas que levan ata a capital de Galicia, nun acto organizado polo Concello de Vimianzo e o Club Triatlón Costa da Morte, que a través deste conxunto de coloquios pretenden vencellar este tipo de rutas coa práctica deportiva para todas as idades.

Alí estarán presentes a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; Alberto Cacharrón, aventureiro, historiador e escritor; o presidente do Club Triatlón Costa da Morte, David Calzas.

Os intervintes explicarán os pormenores do proxecto, que nace para promover a práctica do deporte na nosa contorna e fomentar así a cultura dun xeito lúdico no contexto do Camiño Francés, do Camiño Inglés, do Camiño Primitivo, do Camiño do Norte, do Camiño Portugués e do Camiño Mozárabe.

Dúas son as obras principais nas que se fundamenta esta idea: “El camino de las estrellas”, para público mozo, e “Iter Sancti Iacobi”, para público adulto. Así, o 8 de abril, tamén en Vimianzo, desenvolveranse estas charlas, de 9:00 a 20:00 horas e por grupos, en función das idades, xa que a orientación non será estritamente a mesma.

Para nenas e nenos de 12 a 15 anos, será ás 9:00 horas. Para a rapazada de 16 a 17 anos, ás 11:00 horas. Para crianzas de 9 a 11 anos, ás 13:00 horas, e por último, para maiores de 18 anos, ás 20:00 horas. A duración aproximada de cada unha é 1:30 horas.
 
Exposición fotográfica

Desde o 8 de abril, na Sala Antón Mouzo, poderanse contemplar 25 confeccións fotográficas de Alberto Cacharrón, sobre as súas viaxes polos Andes, o Sáhara ou os Alpes. Estará presente tamén este venres ás 20:00 horas na Casa da Cultura, onde dará a coñecer a súa faceta máis aventureira, tamén da man do Camiño de Santiago.

Concello de Vimianzo
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X