Patrimonio de Vimianzo
7 de maio de 2024
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

IGREXA DE SAN MIGUEL DE TREOS

Enderezo:

Treos - Vimianzo (A Coruña)

Igrexa de San Miguel de Treos

Parroquia: Treos
Advocación: San Miguel
Cronoloxía: séculos XII, XVIII e XIX
Estilo: Románico e Ecléctico


A fábrica inicial desta igrexa do século XII, a ábsida ou capela maior, é de estilo Románico.

Destacan no exterior: a ventá seteira do muro leste, encadrada por un arco de medio punto sobre dúas columnas monolíticas; as grosas pezas de cantería dos muros, o contraforte da parte central do muro sur e os canzorriños de formas vexetais.

No interior sobresae o arco triunfal de rosca moi moldurada. Ao igual que o arco faixón, voltéase sobre grosas semicolumnas con capiteis vexetais de trazas moi esquemáticas.



Muro Sur Capela Maior Igrexa de San Miguel de Treos

A nave actual, que substituiu a anterior románica, empezou a construírse a finais do século XVIII e comezos do XIX. A fachada, coa clásica forma pentagonal e de liñas moi sinxelas e austeras, data do ano 1813, pero xa estaban traballando nela dende 1807. A torre-campanario data de mediados do seculo XX substituíndo a unha “sólida e preciosa” espadana de dúas campás do século XIX.

As capelas laterais manteñen liñas similares a pesar de corresponder a diferentes épocas. A capela sur, dedicada a Virxe da Guadalupe, foi construída en 1794 polo canteiro Manuel Gamallo seguindo as características do neoclasicismo como demostra a sinxela volteada sobre machóns lisos da entrada e a bóveda de aresta da cubrición. A capela norte repite as liñas da sur, aínda que data de mediados do século XX.

A sacristía (de comezos do século XVIII) é obra do mestre de cantería local Afonso de Arosa e está cuberta por bóveda de crucería nervada, pervivencia do estilo gótico habitual na arquitectura relixiosa rural.


Retablos e imaxes

O retablo maior (1786), obra de Francisco Castro Agudín, mestre local do lugar de Sandrexo (na mesma parroquia de Treos), responde ás características do barroco-rococó de columnas barrigudas, exuberante decoración, restras vexetais…, aínda que xa se advirten certos trazos neoclásicos como cornixamentos lisos ou pintura imitando o mármore. Preside o retablo un San Miguel Arcanxo barroco, de finais do século XVIII. No corpo inferior, San Roque e a Inmaculada Concepción esculpidas en 1765 no obradoiro do escultor compostelán Francisco de Lens.


Retablo Capela Maior Igrexa de San Miguel de Treos

O retablo da Guadalupe, na capela sur e único con esta advocación na Terra de Soneira, é obra de Francisco Castro Agudín, de finais do século XVIII. Acompañan á “Virxe estremeña”: San Miguel, escultura barroca de moi boa feitura, anterior á do retablo maior e obra do escultor compostelán Domingo de Romai Vimianzo; e a Virxe da Soidade,  vestida de negro, que data do século XIX.

O retablo da capela norte, menos interesante, consta tamén como obra de Castro Agudín. Seis imaxes completan este retablo: San Brais (vestido de bispo, coa man na gorxa), e a Virxe do Carme, ambas as dúas do século XIX; a Virxe de Fátima do século XX; Santa Lucía (co prato dos ollos na man), Santo Antón (co hábito marrón franciscano) e Santo Eutelo (avogoso contra a rabia, cun can nos pés), obras que posiblemente corresponden a Castro Agudín, no último terzo do século XVIII.









Bibliografía:


LEMA SUÁREZ, X.Mª (1993): A Arte Relixiosa na Terra de Soneira; t. II; Fundación Universitaria de Cultura; Santiago.

LEMA SUÁREZ, X.Mª (2000): “Artistas e talleres rurais nas Terras de Soneira e de Nemancos (séc. XVIII), en Actas do I Simposio de Historia da Costa da Morte (Baio e Zas 18, 19 e 20 de xuño de 1999), Asoc. Neria, Cee (pp. 175-205).

LEMA SUÁREZ, X. Mª (coord. e dir.) et alii (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte; Edicións Xerais de Galicia, Vigo.

LEMA SUÁREZ, X. Mª (1990): “La Virgen de Guadalupe en Treos-Vimianzo (A Coruña)”, en Guadalupe (revista del Santuario de Guadalupe, Cáceres), nº 704.


Treos - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña