Patrimonio de Vimianzo
4 de maio de 2024
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

IGREXA DE SAN SEBASTIÁN DE SERRAMO

Enderezo:

Serramo - Vimianzo (A Coruña)

Parroquia: Serramo

Advocación
: San Sebastián 

Cronoloxía
: Séculos XII, XVII e XVIII

Estilo
: Románico e Barroco


A igrexa de san Sebastián de Serramo presenta unha planta de salón. A estrutura resposta ao esquema típico do románico rural cunha soa nave, cuberta con cimbra de madeira, e rematada na súa cabeceira por unha ábsida rectangular cuberta por bóveda de canón, dende a que se ten acceso á sancristía. Un arco de medio punto dobrado e lixeramente peraltado dá paso da nave á sancristía. A fábrica orixinaria sufriu diversas reformas, como a apertura no muro norte dunha capela adicada a santo Antonio de Padua, de finais do século XVII, cuberta por unha bóveda de crucería estelada. Tamén a fachada é de finais do século XVII. Moi sinxela con porta alintelada, ten adosada unha torre-campanario de apariencia maciza, sen apenas máis decoración que unhas placas e molduras.


Retablos

O retablo maior está presidido pola imaxe de san Sebastián (transición barroco-neoclásico de finais do século XVIII), un mozo imberbe, atado de pés e mans a unha árbore. Está cuberto só por un pano de pureza e presenta feridas no seu corpo producidas polas frechas. Á esquerda, unha imaxe que se atribúe a san Xoán Evanxelista (barroca, de finais do século XVIII) por tratarse dun xoven, vestido con túnica e manto ao modo dos evanxelistas, portando libro e pluma para escribir mentras busca a inspiración mirando ao ceo. Á dereita hai unha imaxe que se correspondería coa de san Vicenzo (barroca, de finais do século XVIII) polas vestiduras de diácono e por soster na man esquerda un libro aberto. No corpo inferior do fornelo central hai unha pequena imaxe de Xesús Neno que non se corresponde no seu tamaño coa magnitude do espazo que ocupa. Á esquerda, un Sagrado Corazón de Xesús (ecléctico, mediados do século XX), esbelto, con túnica branca e manto vermello en actitude de bendecir. Á dereita está a Inmaculada Concepción (barroca, de mediados do século XVIII) que viste túnica branca e manto azul celeste. En actitude mística xunta as mans sobre o peito mentras dirixe a mirada cara o ceo. Do trono de nubes, sae a serpe que pisa a virxe. 


Retablo da virxe do Rosario (barroco, primeira metade do século XVIII). Pequena estrutura que ocupa a esquina entre o arco triunfal que dá acceso á capela maior e ao muro sur da nave. O fornelo enmárcase por sendos pares de pilastras decorados con restras de froitas, e na parte superior, sinuosas volutas decoradas con perfís de acantos. A Virxe (barroca, de finais do século XVIII), viste túnica branca e érguese sobre un trono de nubes das que asoman querubíns. Na man esquerda sostén ao Neno nu mentras os dous ofrecen sendos rosarios. Polo tamaño da figura, pequena para ese espacio, podería non ter sido concebida para o mesmo.

O retablo de san Xosé (barroco, da primeira metade do século XVIII) sitúase fronte ao anterior (retablo do que é xemelgo), na esquina entre a capela maior e a parede norte. A imaxe de san Xosé (barroca, entre finais do XVIII e comezos do XIX) que ocupa o fornelo viste túnica, leva a vara florida nunha man e o Neno na outra.


Na capela norte unha imaxe de santo Antonio (barroca, finais do século XVIII) preside o retablo. Trátase dun xoven monxe tonsurado e con hábito marrón franciscano, cunha azucena na man dereita e sostendo ao Neno na esquerda, que supón unha tipoloxía en desuso. O Neno está sentado sobre un libro, tipo iconográfico mais propio do século XVII. Acompaña esta imaxe a de san Roque (barroca, finais do século XVIII), ao lado dereito, vestido de peregrino con cuncha de vieira e amosando as feridas acompañado do can. O único fornelo do ático  está ocupado pola que parece a imaxe de san Felipe Neri (barroca, finais século XVIII), segundo semella polas súas vestimentas sacerdotais en actitude de celebrar misa. 

Ademais, nesta igrexa atópase a que podería ser a cruz procesional máis antiga de Galicia, xoia da orfebrería galega do século XII, tempos do arcebispo Xelmírez. Trátase dunha cruz de madeira de carballo recuberta en prata, de brazos desiguais que rematan con sendos camafeos. No anverso está a figura do Cristo crucificado, moi estilizado, unha imaxe que segundo estudios podería ter relación co modo iconográfico da Biblia de Ávila ou a Porta do Perdón de san Isidoro de León. No reverso, a figura do Agnus Dei e a inscrición “la hizo el presbítero Ordoño, en ofrenda a San Sebastián” en alusión ao promotor da obra, que podería tratarse do abade do mosteiro de Moraime. 


BIBLIOGRAFÍA

LEMA SUÁREZ, XOSÉ M.; A ARTE RELIXIOSA NA TERRA DE SONEIRA. EDIT. FUNDACIÓN UNIVERSITARIA CULTURA. 1993

SORALUCE BLOND, JOSE RAMÓN; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, XOSÉ; ARQUITECTURA DA PROVINCIA DA CORUÑA . DIPUTACIÓN PROVINCIAL DE A CORUÑA.


Serramo - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña