Patrimonio de Vimianzo
26 de abril de 2024
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:
Igrexa de Santo Antoíño de Baíñas

Parroquia: Baíñas
Advocación: Santo Antoíño
Cronoloxía: séculos XIII e XIX
Estilo: Románico e Ecléctico


Esta igrexa pertencía, na súa orixe, a un antigo mosteiro medieval, reducido a priorado a finais do século XV, contando dende entón con só uns cantos monxes. Dependía do mosteiro benedictino compostelán de San Martiño Pinario e o seu desmantelamento podería ser froito da Desamortización de 1836.

A igrexa conserva aínda trazas que evidencian a súa orixe medieval (comezos do século XIII). Resposta ao típico esquema do románico rural: nave única e ábsida rectangular, que conserva na parte baixa a bancada que ocuparían os monxes do priorado nos oficios litúrxicos, e está cuberta con bóveda de canón apuntada. Os arcos faixón, tamén apuntados, apoian sobre semicolumnas con capiteis de formas vexetais esquemáticas. O arco triunfal está enmarcado por un axedrezado. A nave única estaría cuberta inicialmente por unha armazón de madeira ata que foi incendiada polos franceses en 1809.   


Muro Sur Igrexa de San Antolín de Baíñas

No exterior, destacan os canzorros baixo o tellado, con formas vexetais e humanas, estas últimas representando vicios ou pecados. A porta lateral do muro norte, hoxe tapiada, presenta no seu tímpano un relevo de orixe tamén medieval. De tosca feitura, un home monta sobre unha besta, que pode representar a San Martiño no momento en que parte a súa capa para darlla a un pobre. A súa presenza explicaríase pola dependencia do priorado ao mosteiro de San Martiño Pinario de Compostela.

Á fábrica medieval tamén respostarían os contrafortes graduados e dispostos de xeito anárquico, articulación mural que se dá tanto na capela maior, para soportar a bóveda que cubre o interior, como no muro sur.

Á época posterior corresponden tanto a sacristía como a fachada principal, ambas as dúas engadidas no século XIX. Datadas inicialmente en 1802, a fachada tería sufrido danos en 1853 por un temporal que derrubaría parte da espadana que a remataba. Na última década do século XIX levantouse a torre-campanario que coroa a fachada na actualidade, obra do canteiro Manuel Muíños.


Igrexa de San Antolín de Baíñas

Imaxes

Coas reformas de 1967, desaparecen o retablo maior e o lateral de San Brais, aínda que quedaron algunhas das imaxes como a do patrón Santo Antoíño, obra barroca de finais do século XVIII, vestido cos atributos de diácono.

Da mesma datación é San Bieito, que aparece por pertencer á orde benedictina dos monxes deste priorado, vestido co hábito negro tradicional da regra, con mitra ao pé e un corvo cun pan. Barrocos e de mediados do século XVIII son un San Brais (con vestido de bispo e a man na gorxa) e un San Roque (de peregrino co can). E xa de comezos do século XIX é unha Inmaculada.












Bibliografía:


LEMA SUÁREZ, X. Mª (coord. e dir.) et alii (2010): A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte; Edicións Xerais de Galicia, Vigo.

LÓPEZ VÁZQUEZ, J.M.B (1979): El arte del Finisterre gallego; tese de doutoramento inédita; USC.


Baíñas - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña