Patrimonio de Vimianzo
25 de abril de 2024
Patrimonio de Vimianzo
Compartir:

IGREXA DE SAN XOÁN DE CAMBEDA

Enderezo:

Cambeda - Vimianzo (A Coruña)

Parroquia: Cambeda

Advocación
: San Xoán Bautista

Cronoloxí
a: Idade Media, séculos XVI e XVIII

Estilo
: Románico, Barroco e Neoclásico


A igrexa de San Xoán de Cambeda é de base románica, como se manifesta pola cantería do muro norte e os canzorros xeométricos do beiral no exterior, e presenta o esquema habitual do románico rural con planta de salón, capela maior e unha nave rectangular. 
A fachada é sinxela e mantén o esquema típico dispondo sobre a porta principal alintelada un pequeno fornelo onde se ubica unha imaxe pétrea, unha estreita bufarda e culminando no vértice, unha cruz de pedra. A imaxe pétrea correspóndese con san Miguel (barroco, século XVIII) e podería estar ubicada inicialmente na capela norte, da que foi titular. Destaca a monumentalidade da torre campanario adosada ao muro sur, inusual na comarca pola súa altura, xa que supera os 12 metros. O corpo das campás presenta unha movida decoración de placas, rematado cun esvelto cupulín. A torre continúa a tradición da barroca que Simón Rodríguez realizou para san Fiz de Solovio, en Santiago de Compostela.  


O retablo maior é de estilo neoclásico e está presidido por unha imaxe de san Xoán Bautista (neoclásica, principios do século XIX), identificada polo pelico de ovella co que viste e co año sentado sobre o libro.  Ao seu carón, á esquerda, a virxe do Rosario (barroca,1786), pertencía ao retablo orixinario que substituiu ao actual a mediados do século XIX. 
Sobre o trono de nubes e querubíns, viste longa túnica e estende a man para ofrecer un rosario mentres coa esquerda sostén ao neno Xesús espido que interacciona co espectador ofrecendo outro rosario. No lado oposto, a figura de san Ramón (neoclásico tardío, primeiro terzo do XIX) vestindo hábito mercedario, ampla tonsura monacal e abundante barba cos habituais atributos (a palma e a custodia). Das peanas laterais adosadas, só a dereita está ocupada cunha figura da virxe do Carme.  A capela norte é de finais do século XVI (antes de san Miguel, actualmente do Perpetuo Socorro), e está cuberta con bóveda de crucería nervada, de cinco claves, volteada sobre pequenas ménsulas angulares, amosando pervivencias góticas. A imaxe da virxe do Perpetuo Socorro (ecléctica, 1915) que o preside, defínese polo seu carácter bizantino. Na esquerda, unha imaxe de san Francisco (eclecticismo, segundo terzo do século XIX) procedente posiblemente do retablo maior. Un home barbado, coa cabeza cuberta co capuchón do hábito franciscano, e os estigmas da crucifixión de Cristo en mans e pés. Á dereita, a virxe do Carme (eclecticismo, segunda metade do XIX) sobre un trono de nubes das que asoman as cabezas de tres anxos. Sostén na súa man esquerda ao neno Xesús, ofrecendo cadanseu escapulario.


A sancristía, de finais do século XVII e adosada ao muro sur, presenta teito plano conformado por ciclópeas lousas de pedra incrustadas nos seus anchos muros e reforzadas por seis canzorros. Nestes canzorros, que contribúen ao reforzo do teito, esculpiron exóticas figuras de seres míticos ou simbólicos, de rostro humano, ou animais imaxinarios.
Nas do muro oeste pódense identificar -aínda que con dificultade- dúas cabezas humanas e unha terceira dun híbrido, medio home-medio animal. Nas do muro leste distinguimos un ser monstruoso cunha enorme boca entreaberta deixando ver os dentes, e cos ollos pechados, un ventre prominente e dous flácidos seos. A central parece representar unha serea, con rostro feminino e cola de peixe; e na derradeira, dous animais alados de longos pescozos e pequenas cabezas, unidos polo ventre.
Sen temática unitaria, a súa finalidade parece ser meramente decorativa. Recordan, aínda que máis modestas, as grandes ménsulas do Hospital Real ou as da prolongación do coro alto de san Martiño Pinario, as dúas en Santiago de Compostela, o que imprime de modernidade a obra polos escasos sete anos que separan estas figuras das do Hospital. A capela sur, dedicada a san Vicenzo Ferrer, está cuberta por unha sinxela bóveda de aresta volteada sobre pequenas ménsulas angulares, respostando as características neoclásicas na súa nudez decorativa e simplicidade de liñas. San Vicenzo Ferrer (barroco-rococó, finais do século XVIII) preside, dentro dun púlpito e en actitude de orador, este retablo tabernáculo. Viste hábito dominicano cinguido con cinto de coiro e muceta negra que lle cobre os ombros portando na man un crucifixo. Esta é a única imaxe de san Vicenzo Ferrer que atopamos en todo o arciprestado, culto xustificado pola existencia dunha reliquia do santo.


A súa dereita, no corpo superior, unha imaxe de santo Eutelo (barroco, finais XVIII), con vestiduras pontificais e tiara papal, porta un pau de tres cruces e a corda que suxeita ao can coa mesma man, mentres bendice coa dereita. O fornelo da esquerda está ocupado polas imaxes de santa Bárbara e a virxe da Expectación ou do O.
Santa Bárbara (barroca, finais XVIII) porta coroa, na man dereita unha longa palma, e na esquerda unha torre de tres fiestras. A Virxe da Expectación ou do O (neoclásica, primeiro terzo do XIX) pertencía a un retablo do cal era titular, hoxe desaparecido, que ocupaba o fornelo do muro norte da nave. Viste túnica cinguida con cordón e leva a man dereita ao seu abultado ventre.
No fornelo sur do primeiro corpo atopamos a figura de san Roque (barroco, 1743): de longa cabeleira, vestido de peregrino e amosando a ferida acompañado co can. Podería pertencer a unha capela particular e sería anterior ao retablo. O fornelo esquerdo do corpo inferior está ocupado por unha figura de santo Antón (barroco, mediados XVIII) anterior tamén ao propio retablo, que puido proceder do primixenio retablo maior. Vestido de hábito franciscano, sostén na man esquerda un libro sobre o que senta o Neno Xesús espido.  
Hai ademais unha serie de imaxes exentas distribuídas en diferentes ubicacións na igrexa. De estilo ecléctico e de mediados do século XIX son as imaxes da Inmaculada Concepción e do Sagrado Corazón de Xesús no altar maior; a virxe de Fátima do retablo de san Vicenzo Ferrer, e un crucifixo da sancristía.




BIBLIOGRAFÍA

LEMA SUÁREZ, XOSÉ M.; A ARTE RELIXIOSA NA TERRA DE SONEIRA. EDIT. FUNDACIÓN UNIVERSITARIA CULTURA. 1993

SORALUCE BLOND, JOSE RAMÓN; FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, XOSÉ; ARQUITECTURA DA PROVINCIA DA CORUÑA . DIPUTACIÓN PROVINCIAL DE A CORUÑA.


Cambeda - Vimianzo (A Coruña)

Praza do Concello, 6, Vimianzo (A Coruña) CP 15 129. Tfno: 981716001. Fax 981 716 650.

Concello de Vimianzo
Deputación provincial da Coruña