Concello de Vimianzo
21 de febreiro de 2020
O corazón da Terra de Soneira

Convocatorias

20-01-2020

Tarxeta benvida 2020

Tarxeta Benvida: axuda económica para as familias con fillos e fillas nados no ano 2020

Normativa

Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declaradas en situación de garda con fins adoptivos no ano 2020 e se procede á súa convocatoria. (DOG nº 12 do 20/01/2020)  BS403B


Obxecto

Concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2020 teñan un fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos e para aqueloutras que, tendo obtido a axuda ou non accedendo a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2018 e 2019, experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías da ampliación desta axuda.

A axuda farase efectiva a través da tarxeta benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

Persoas beneficiarias

1. Persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:

  1. Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.
  2. Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.

2. As galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2020.

3. Poderán beneficiarse da ampliación aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 €, ou non accedesen a ela por superar os ingresos previstos, nas respectivas convocatorias do ano 2018 e 2019 e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas. O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2020 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

Requisitos

  1. Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. Considerarase cumprido este requisito co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.
  2. Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. De ser superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €. *
  3. Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 €, para ter dereito á ampliación da axuda prevista no artigo 4.2.
  4. Ademais, as persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2020 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.
  5. Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual nun concello cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, para ter dereito ao incremento da axuda do 25%.
  6. Estar en situación de especial vulnerabilidade téccnicamente valorada polo sistema público de servizos sociais e ter un recurso do sistema público de protección social pendente de resolución, para percibir a axuda un ano mais.
  7. Cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
  8. No suposto de ter concedida a tarxeta Benvida para unha filla ou fillo en situación de garda con fins adoptivos, non pode volver solicitarse esta no momento de constituírse a adopción.

* Para a determinación da renda da unidade familiar, con carácter xeral sumaranse a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro da declaración da renda do último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.

Entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s e mais:

  1. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.
  2. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
  3. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.
  4. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos.

No suposto de non convivencia das dúas persoas proxenitoras se unha delas asume en solitario o sustento da unidade familiar (familias monoparentais segundo o disposto no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia), a renda da que non contribúe non será computada sempre que se acredite documentalmente a dita circunstancia.

Contía da axuda

  • 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes, con carácter xeral.
  • 2.400 € a razón de 200 €/mes, se o fillo ou filla que dá dereito á axuda é o terceiro/a ou sucesivo/a.

Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:

  1. Ano 2020: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento, ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.
  2. Ano 2021: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena faga un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

Ampliación da axuda: as familias con renda igual ou inferior a 22.000 € terán dereito á axuda no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos nas seguintes contías:

  1. 600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.
  2. 1.200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo. 
  3. 2.400 €/ano, a razón de 200 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Estas contías faranse efectivas en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos do fillo ou filla polo que se concedeu a axuda.

As contías dos puntos anteriores incrementaranse un 25 % no suposto de residencia en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes segundo os últimos datos oficiais de poboación de carácter definitivo publicados polo Instituto Galego de Estatística.

Excepcionalmente, a axuda poderá percibirse ata un ano máis sempre que a unidade familiar estea tecnicamente valorada en situación de especial vulnerabilidade, teñan un recurso do sistema público de protección social pendente de resolución e así o soliciten dentro dos dous meses anteriores á data na que o neno ou nena faga os tres anos.

Documentación

Solicitude (presencial ou en liña)

  1. Comprobación de datos do/a cónxuxe ou parella (Anexo II) debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non apareza como solicitante, se é o caso.
  2. Copia completa do libro ou libros de familia da unidade familiar ou, de ser o caso, documentación acreditativa dos vínculos de parentesco da persoa solicitante co resto dos membros da súa unidade familiar.
  3. Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando se trate de adopcións formalizadas fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
  4. Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso.
  5. Certificado de monoparentalidade cando non sexa expedido pola CA de Galicia.
  6. Pasaporte en vigor da persoa cónxuxe ou parella, para o suposto de que esta estea en trámite de autorización de residencia.
  7. Documentación acreditativa dos ingresos percibidos no estranxeiro no período impositivo computable, acompañados dun certificado de organismo competente ou entidade bancaria acreditativo do valor en euros dos ditos ingresos, de ser o caso.
  8. No suposto de persoas galegas emigrantes retornadas ou descendentes, deberase presentar ademais:
    1º. Documentos xustificativos do nacemento en Galicia ou de ser descendente dunha persoa galega.
    2º. Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España.
    3º. Pasaporte para as persoas solicitantes que non teñan DNI.

No suposto de presentarse a solicitude con carácter previo ao nacemento deberase presentar ademais un certificado médico acreditativo do estado de xestación onde conste a data probable do parto.

No suposto de optar á ampliación excepcional da axuda prevista para situacións de especial vulnerabilidade no artigo 4.4 dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos deberá presentarse a seguinte documentación:

  1. Comunicación da situación segundo o anexo IV.
  2. Informe técnico dos servizos sociais comunitarios básicos que acredite a situación de especial vulnerabilidade e que se está sendo atendido/a polo sistema público de servizos sociais, con indicación das solicitudes de prestacións ou axudas económicas en fase de tramitación.

Cando se acheguen coa solicitude documentos en idioma distinto do galego ou castelán, deberá presentarse tamén a tradución dos ditos documentos para calquera destes dous idiomas.

Na solicitude (anexo I) deberá figurar, con carácter obrigatorio, un teléfono móbil para os efectos de activar a tarxeta Benvida. A activación será efectiva unicamente desde o número de móbil que se faga constar na solicitude.
No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, deberase presentar unha copia dixitalizada dos documentos indicados nos puntos anteriores.

Lugar de presentación:

  • Preferentemente electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.gal.

Prazo de presentación de solicitudes

Dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2020 e sempre que o fillo ou filla nacera con anterioridade ao seu regreso, o prazo será de tres meses, que se contarán a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

Opcionalmente, poderá presentarse a solicitude durante o período de xestación, estando a súa concesión supeditada ao cumprimento dos requisitos.

Para atender os supostos nos que se produza unha variación á baixa da renda da unidade familiar con posterioridade á concesión da axuda que implique ter dereito ás contías da ampliación da axuda, habilitarase nos sucesivos exercicios orzamentarios un prazo de dous meses, que se contarán desde o 1 de xaneiro das respectivas anualidades, para comunicar a dita circunstancia mediante a presentación do anexo III.

As familias que obtivesen a axuda xeral de 1.200 € no ano 2018 e 2019 ou non accedesen a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2018 e 2019 disporán dun prazo de dous meses desde o 1 de xaneiro de 2020 para esta finalidade, debendo presentar o anexo III, no caso de ter presentado xa unha solicitude, ou o anexo I no suposto de non ter solicitado a axuda no ano de referencia.

No suposto excepcional de ampliación da axuda ata un ano máis previsto no artigo 4.4 a comunicación da situación de especial vulnerabilidade realizarase dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos.

Prazo de resolución: Tres meses | Sentido do silencio administrativo: Negativo

Instrumentación da axuda

A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, unha tarxeta moedeiro que se expide a nome da persoa solicitante.

A Consellería de Política Social remitirá ao enderezo indicado na solicitude as tarxetas Benvida coa carga que lles corresponda na anualidade 2020 e con instrucións para a súa activación. Así mesmo, informará as familias das condicións de uso.

De ser o caso, a tarxeta será recargada coa contía que corresponda na anualidade 2021 en función dos meses que restan ata que o neno ou nena que deu dereito a ela faga un ano ou ata que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

De atoparse no suposto que da lugar á ampliación (renda igual ou inferior a 22.000 €), a tarxeta será recargada ademais nas sucesivas anualidades ata que o neno ou nena faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos, coas contías e conforme o procedemento establecido no dito artigo.

De atoparse no suposto de especial vulnerabilidade, a tarxeta será recargada ata que a unidade familiar supere a situación que deu lugar a ampliación ou acceda a un recurso do sistema público de protección social e, en todo caso, un máximo dun ano.

5. As tarxetas están sometidas a caducidade e con carácter xeral non poderán ser usadas máis ala do 31 de decembro de 2021, data que se ampliará para as persoas emigrantes retornadas que se atopen no suposto previsto no segundo parágrafo do artigo 7.2 (emigrante retornada a Galicia en 2020 e sempre que o fillo ou filla nacera con anterioridade ao seu regreso), para as familias con rendas iguais ou inferiores a 22.000 euros e para aquelas que se atopen en situación de especial vulnerabilidade.

Sede Electrónica
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2020 +
- febreiro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
1
3
4
5
6
8
9
10
11
12
13
14
15
17
18
19
20
21
23
27
28
 

Perfil de contratante
Boletíns
SEA- Suelo Empresarial del Atlántico Páxina web das familias galegas Quérote
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X