Concello de Vimianzo
26 de abril de 2024
O corazón da Terra de Soneira

Novas

30-05-2018

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e o deputado Xesús Soto visitaron o Castelo e os Batáns de Mosquetín.

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e o deputado de Patrimonio e Contratación, Xesús Soto, visitaron o Concello de Vimianzo e mantiveron unha xuntanza co grupo de goberno encabezado por Manuel Antelo co fin de analizar as vías de colaboración de ambas as institucións. A seguir, a delegación dirixiuse ao Castelo e os Batáns de Mosquetín, bens patrimoniais da Deputación que xestiona o Concello de Vimianzo.

 Na xuntanza, que se desenvolveu na Casa do Concello de Vimianzo, a vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei e o deputado de Patrimonio e Contratación, Xesús Soto, avaliaron co grupo de goberno municipal de Vimianzo as distintas liñas de colaboración entre as dúas institucións.

 Os proxectos do Plan Único de Concellos ocuparon boa parte do encontro en que se debullou o destino dos 1.187.621,75 € que a Deputación da Coruña destina a  Vimianzo e que teñen como fin, segundo a vontade do propio concello, distintas obras de mellora de parques, edificios públicos e estradas ademais de gasto corrente e redución de débeda.

 A través do Plan Único, en Vimianzo experimentarase unha considerábel mellora de estradas e rúas, entre elas, a de Trasariz-A Toxa até a estrada AC-432, a que vai entre Carnio e Serramo, as estradas de Berdoias, Castrelo, Vimianzo, Carnés, Cereixo e Calo, as que circulan por Carantoña e tamén nas parroquias de Cambeda, Baíñas, Serramo, Treos, Salto e Bamiro.

 Ademais, o plan permitirá o acondicionamento do parque infantil no núcleo urbano e da praza de Baíñas xunto coa substitución da cuberta do centro de Interpretación dos Minerais en Cerbán e execución do forxado no centro de Interpretación do encoro da fervenza no Orbellido.

 Dous proxectos da Deputación foron especialmente aplaudidos desde o concello de Vimianzo como fixeron constar na xuntanza, por unha parte, a Rede Cultural que contribúe a unha programación de calidade ao longo do ano e tamén o proxecto do Parque do Megalitismo, que promove a área de Turismo que dirixe Xosé Regueira, no que Vimianzo participa cun importante patrimonio histórico que é parte da súa propia identidade.

 Despois da xuntanza no Concello, a vicepresidenta da Deputación e o deputado de Contratación e Patrimonio visitaron xunto co alcalde, Manuel Antelo o Castelo de Vimianzo e os Batáns do Mosquetín, patrimonio da Deputación que xestiona o concello a través dun convenio de colaboración entre as dúas institucións.

 Por medio do convenio, a Deputación achega 100.000 € ao concello dos que 80.000 teñen como destino o Castelo e 20.000 os Batáns de Mosquetín. Desta maneira, é o Concello quen se encarga da xestión con atención de visitantes nestes bens ademais da organización de iniciativas como a mostra de artesanía ao vivo e outras actividades como visitas teatralizadas, roteiros ou mesmo a difusión do Castelo e os Batáns.

 O alcalde, Manuel Antelo, destacou o apoio da Deputación da Coruña para a xestión e mellora dos bens patrimoniais e para a elaboración do proxecto do Parque do Megalitismo que afonda, segundo apuntou, na promoción e difusión do rico patrimonio histórico do concello que forma parte da súa identidade colectiva e é tamén un recurso económico que pode afortalarse con esta nova iniciativa.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín e Xesús Soto, avaliaron o interese que os bens patrimoniais da Deputación sexan xestionados polo propio Concello, nun novo modelo que, segundo comprobaron, está a ser moi positivo en canto é a institución máis próxima a que se encarga dun patrimonio que é parte da memoria e o futuro da propia veciñanza.

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- abril +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
Museo Virtual SEA- Suelo Empresarial del Atlántico GDR Costa da Morte Grupos de Acción Costeira Obradoiro de Emprego Xuvenil
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X