Concello de Vimianzo
26 de abril de 2024
O corazón da Terra de Soneira

Novas

18-04-2018

Vimianzo celebra esta semana o Día dos Monumentos e Sitios

O día 18 de abril celébrase o Día Internacional dos Monumentos e Sitios, designado pola UNESCO.
Unha xornada para concienciar sobre a diversidade do patrimonio en todo o mundo e os esforzos necesarios para protexelo e conservalo, e destacar a súa vulnerabilidade.
O concello de Vimianzo, dentro da súa acción estratéxica de poñer en valor o patrimonio como ferramenta social, cultural e de desenvolvemento local, únese a esta celebración con diferentes actos durante a semana.
Ademais das visitas que se están a realizar estes días para os centros escolares e asociacións culturais da comarca, o propio mércores 18 o alumnado do CEIP de Baíñas pasará unha mañá gozando dos “monumentos e sitios” máis destacados da capital municipal. Coñecerán o xacemento arqueolóxico do Castro das Barreiras, en plena escavación, o castelo e a súa artesanía ao vivo, e finalmente o pazo de Trasariz.
As visitas escolares nas Barreiras están sendo todo un éxito, creando sinerxías co castelo de Vimianzo e os batáns do Mosquetín, xa está ocupada a axenda practicamente durante todo o que queda de mes.
O xoves 19 ás 17h realizarase unha nova visita aberta ao Castro das Barreiras, para coñecer o avance das investigacións arqueolóxicas, explicado polo propio director da campaña Ángel Concheiro. Para participar, hai prazas limitadas, polo que se require inscrición previamente a través do correo electrónico turismo@vimianzo.gal ou ben chamando ao 981 716 001 en horario de mañá. Para seguir todas as novidades o castro das Barreiras conta con dúas redes sociais (facebook e instagram) e a web www.vimianzo.gal/castrodasbarreiras
Para o venres 20, haberá unha conferencia ás 20h na Casa da Cultura baixo o título “Patrimonio, espello de nós”. Trata de aproximarnos ao concepto de ben cultural como herdanza compartida, desde as súas orixes aos nosos días. Falarase dos novos retos do patrimonio, o seu valor e uso, e da súa relación coa identidade dos pobos e ponte entre culturas nun mundo cada vez máis globalizado.
Ese mesmo día o Concello participará en Barcelona no B-Travel, Salón Internacional de Turismo de Cataluña. Convidado pola Deputación da Coruña, o Concello de Vimianzo presentará a súa liña de traballo de promoción do patrimonio, neste caso falaremos das industrias e oficios tradicionais, como a artesanía que se elabora no castelo e o conxunto etnográfico do Mosquetín. A presentación terá lugar ás 12h45 “A industria antes da súa revolución, a tradición como revulsivo turístico dun entorno rural. O caso de Vimianzo, Costa da Morte, Galicia.”
Xa para finalizar a semana, presentarase na Casa da Cultura, o luns 23 ás 12h, a exposición Celebramos o noso patrimonio, organizada desde a Biblioteca Municipal de Vimianzo coa colaboración da Biblioteca Provincial da Coruña. Unha mostra bibliográfica e fotográfica na que se reúnen estudos e escritos sobre a riqueza patrimonial do Concello vimiancés postos a disposición dos usuarios.

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- abril +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
SEA- Suelo Empresarial del Atlántico
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X