Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo pon en marcha a execución do proxecto GAC “Do mar á terra”, unha iniciativa orientada a fornecer o sector turístico e a dinamizar a relación do concello soneirán co litoral, aproveitando a riqueza paisaxística e patrimonial de Vimianzo.
Durante o mes de decembro desenvolveranse varios cursos formativos orientados a profesionais e a emprendedores do sector hostaleiro.
“O mar de Vimianzo non está só en Sabadelle. A Costa da Morte saboréase nas mesas da capital de Soneira”. Así o subliñou o alcalde vimiancés, Manuel Antelo, durante a presentación do proxecto “Do mar á terra”, unha iniciativa financiada con fondos europeos a través do Grupo de Acción Costeira 3, que abrangue os concellos da Costa da Morte dende Muxía á Laracha.
O proxecto, no que se empregarán 165.000 euros, recolle o feito de que en Vimianzo se serven anualmente máis de 250.000 menús nos diferentes restaurantes do territorio municipal, nos que é notable a presenza de produtos pesqueiros procedentes dos portos da Costa da Morte. “Historicamente, Vimianzo foi un núcleo no que se encontraba a terra e o mar, un cruce de camiños onde se atopaban os mariñeiros da Costa da Morte que levaban os seus produtos cara a outros mercados”, sinalou o alcalde. O proxecto pretende seguir “as pegadas na historia do peixe e do marisco da Costa da Morte como elemento diferenciador de cara aos que nos visitan”. Segundo Manuel Antelo, o Concello traballa nunha estratexia turística cun marcado acento histórico. “Queremos amosarlle ao público que os castrexos deste Val de Soneira ou os habitantes dos nosos pazos e do castelo xa contaban cunha cultura gastronómica na que os produtos do mar da Costa da Morte tiñan relevancia”, resaltou.
Produto turístico
“Do mar á terra” pretende definir un produto turístico encamiñado a facer propostas experienciais vencelladas ao ecoturismo, á gastronomía e ao importante carácter histórico da capital soneirá. Deste xeito contempla actuacións para a mellora competitiva do sector turístico local, a edición de material divulgativo en varios idiomas e a posta en funcionamento dunha rede de información electrónica a través de pantallas informativas, páxina web e redes sociais, entre outras.
Tamén se levará a cabo un traballo de sensibilización do público sobre aspectos como o consumo responsable de peixe, a posta en valor dos produtos de baixura, a divulgación das mellores épocas para as diferentes especies que se comercializan na Costa da Morte ou a elaboración dun receitario de cociña tradicional de Vimianzo.
As primeiras actuacións do proxecto déronse a coñecer esta tarde no acto celebrado na Casa da Cultura. Durante o mesmo, tamén se adiantaron as distintas accións formativas que se impartirán neste mes de decembro. Así, presentouse a imaxe pública coa que se difundirá a marca de Vimianzo e que pretende ser un paraugas que acolla a todos os axentes implicados nesta iniciativa. No que se refire ao programa dos cursos, mañá martes 11, o cociñeiro Miguel Silvarredonda impartirá unha sesión práctica sobre cociña con algas nas instalacións do restaurante Pastoriza. Ao día seguinte, mércores 12, persoal especializado falará sobre a rexeduría de pisos; e o xoves 13 terá lugar un curso de manipulador de alimentos.
Arqueogastronomía
Por outra banda, “Do mar á terra” ten programada una conferencia para este venres 14 na que se fará un achegamento aos produtos do mar presentes na dieta dos castrexos e os pratos que se degustaban na Idade Media en castelos coma o de Vimianzo. Os responsables do proxecto denominan esta iniciativa como “Arqueogastronomía”. Os encargados de impartir a charla, que terá lugar na Casa da Cultura, serán Víctor Bejega García e Eduardo González Gómez de Agüero, arqueólogos doutorandos da Universidade de León.
Ao acto, ao que acudiron o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos, o xerente do GAC 3, Guillermo González Díez, e o redactor do proxecto, Pedro Tasende, asistiron profesionais do sector hostaleiro de Vimianzo, representantes de asociacións empresariais e colectivos do municipio vencellados aos recursos turísticos.