19-08-2026
VIMIANZO M.O.L.A regresa cunha segunda edición que amplía a súa aposta pola literatura, a oralidade e a creación colectiva
O Castelo de Vimianzo acolleu esta tarde a rolda de prensa de presentación da segunda edición de Vimianzo M.O.L.A.: murais, oralidade, literatura e artes, un festival que regresa tras o éxito da súa primeira edición para consolidarse como unha das principais apostas culturais do Concello de Vimianzo para rematar o verán.
A xornalista vimiancesa de La Voz de Galicia Patricia Blanco, foi a encargada de abrir o acto e destacou o carácter transversal da proposta: “Presentacións, mesas redondas e feira de libros, clubs de lectura, contos e teatro, obradoiros, arte urbana, música, patrimonio, participación e podemos engadir que memoria, moita memoria: todo iso haberá aquí nas vindeiras xornadas para facer deste corazón de Soneira un punto de encontro entre creación, territorio e cidadanía”.
Blanco reivindicou tamén a capacidade do rural como espazo xerador de cultura, salientando que “o rural non é só un receptor pasivo de cultura, senón un activo emisor, creador con potencial de convocatoria”, e definiu o Castelo de Vimianzo como un: “espazo patrimonial, espazo vivo, espazo de liberdade, espazo protagonista e tamén espazo de memoria”.
A xornalista lembrou, ademais, o éxito da primeira edición e asegurou que “en Vimianzo quedou acendido con forza no 2025 un faro cultural”. “O lume non se apagou. E mantelo vivo é orgullo”, concluíu.
Nesta segunda edición, Vimianzo M.O.L.A. volve artellar a súa programación arredor das súas catro grandes liñas: murais, oralidade, literatura e artes. Será este un ano con diversos estilos, xéneros e disciplinas cunha atención especial a dous feitos históricos ligados ao Castelo de Vimianzo. Por unha banda, a toma do castelo polo goberno republicano da que veñen de facerse 90 anos. Pola outra, a revolta irmandiña de 1467, dous momentos nos que a cidadanía, ao igual que no Vimianzo M.O.L.A., tomaron o castelo de Vimianzo.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, destacou durante a presentación que o festival nace “para poñer a literatura da Costa da Morte e na Costa da Morte no lugar destacado que merece”, pero tamén cunha vocación clara de innovación e dinamización do territorio. “Por iso volvemos unir libros, literatura, artes plásticas, teatro, música e cultura urbana, dando protagonismo ás nosas autoras e autores, sen renunciar a achegar a Vimianzo algunhas das figuras máis destacadas da literatura galega actual”, explicou.
A proposta mantén o Castelo de Vimianzo como escenario da programación, con actividades que van dende a presentación e sinaturas de libros ata encontros entre escritores e escritoras, contacontos, monicreques, narración oral, música, visitas teatralizadas e unha feira de libros durante as tres xornadas, todo presentado e conducido por Patricia Blanco.
As actividades para o público infantil e familiar incluirán contacontos e propostas de artes escénicas, coma o espectáculo de A Cova das Letras Costureiriña Bonita, K’Paparota con Latexos, David Acera con ¿Por qué los pájaros no tienen rey? ou a instalación de monicreques autómatas de Trécola Producións, Kinétiko. O público adulto tamén poderá desfrutar da narración oral con Vero Rilo e o seu espectáculo Lavandeiras.
Un dos eixos desta aposta serán os clubes de lectura infantil e de adultos, que terán sesións previas na Biblioteca Municipal e finalizarán xunto aos autores e autoras no Vimianzo M.O.L.A.: María Canosa e o seu libro Lobo Ramón no infantil, e Punto de Araña, de Nerea Pallares no adulto.
Unha programación para vivir o Castelo e a literatura
O venres 4 de setembro, a programación incluirá unha presentación literaria (Julio Romero Suárez presentará A Primeira Dama), contacontos (Pedras de Cartón, con Os Contos de Shakespeare), monicreques (A Cova das Letras) e Conversas a pé de páxina con dúas das escritoras galegas máis importantes do momento, María Oruña e Arantza Portabales.
O sábado 5 de setembro estará marcado tamén pola actividade literaria e familiar, coas sesións finais dos clubs de lectura xunto ás autoras María Canosa e Nerea Pallares (o seu libro, Punto de Araña, localizado en Camariñas, é un dos fenómenos editoriais deste ano), contacontos (a cargo de K’Paparota Teatro), sinaturas de libros (coa escritora e mestra Guadalupe Vázquez Formoso), unha instalación familiar de monicreques autónomos da man de Trécola Producións e unhas novas Conversas a pé de páxina, nesta ocasión co escritor e político vimiancés Alberto Lema e a escritora da Costa da Morte Rosalía Fernández Rial.
A xornada completarase cunha proposta musical sobre os seis poemas galegos de Lorca a cargo de Benxamín Otero e Rafa Fernández, e cunha visita teatralizada nocturna de Os Quinquilláns.
O domingo 6 de setembro continuará a programación con visitas teatralizadas dos Quinquilláns (en dúas sesións, mañá e tarde), a presentación do libro Lope Sánchez de Moscoso, un vizconde no tempo de Enrique IV de Castela xunto ao seu autor, Manuel Canosa Trillo, e a do xornalista da TVG Alberto Mancebo, que falará do seu traballo Os 3 nomes de Sartegua xunto á tamén xornalista Ana Gayoso. O público familiar poderá desfrutar do contactontos ¿Por qué los pájaros no tienen rey?, de David Acera, e o adulto da sesión de narración e música de Vero Rilo, co seu espectáculo Lavandeiras.
A última Conversa a pé de páxina terá lugar entre Montse Fajardo, Luís Sánchez e Luís Lamela, e estará centrada nos actos e consecuencias da toma do castelo e na represión franquista en Galicia. A última firma de libros será a do autor vimiancés José Pardiñas Alvite, que estará asinando En Vísperas de Nada.
Ao longo das tres xornadas, o recinto do Castelo contará tamén cunha feira de libros, que estará aberta desde as 18:00 horas, ofrecendo ao público a oportunidade de coñecer e adquirir todas as obras da programación e achegarse directamente ao mundo editorial e literario.
Memoria, cultura e participación cidadá
A presenza da memoria histórica no programa foi tamén un dos eixos destacados polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela, quen reivindicou na súa intervención a transformación do Castelo de espazo defensivo en lugar de encontro e participación cidadá.
“Este edificio naceu para a defensa, pero hoxe é importante que se democratice e se converta nun espazo de encontro, cultura e democracia”, sinalou Regueira, quen engadiu que iniciativas como Vimianzo M.O.L.A. “axudan a recuperar e transmitir a memoria, porque coñecer o pasado fainos máis capaces de evitar que os erros e as inxustizas se repitan”.
Neste sentido, o vicepresidente provincial advertiu de que “temos o deber colectivo de preservar e transmitir a memoria”. Regueira referenciou tamén a Manuel Rivas para definir a Costa da Morte como: “unha terra con talento, con persoas que crean, emprenden, traballan e xeran riqueza”. Para o vicepresidente, proxectos como Vimianzo M.O.L.A. son unha oportunidade para “compartir ese talento coa sociedade”.
“Desde a Deputación é un pracer apoiar iniciativas que unen cultura, memoria e dignidade, e que dan protagonismo á escrita, ás artes plásticas e á artesanía”, afirmou, antes de poñer en valor o papel do Castelo como patrimonio colectivo: “Este castelo é propiedade do pobo galego e é importante que estea ao servizo da cidadanía”.
Murais e creación artística nas rúas de Vimianzo
A dimensión artística do Vimianzo M.O.L.A. volverá saír tamén dos espazos culturais para ocupar as rúas da vila. Nesta edición, Cristian F. Caruncho encargarase do Mural XXL, que comezará o 24 de agosto na rúa Rosalía de Castro, número 7, ampliando así a presenza da arte urbana no espazo público.
Tamén se desenvolverá un mural colaborativo os días 27 e 28 de agosto, en horario de 11:00 a 15:00 horas, destinado a rapazas e rapaces de entre 8 e 16 anos. A actividade busca fomentar a participación da mocidade na creación artística e o sentimento de pertenza ao espazo público. As persoas interesadas poderán inscribirse na Casa da Cultura, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ata o 22 de agosto.
Deste xeito, o festival volve establecer un diálogo entre o patrimonio e a creación contemporánea: entre as pedras do Castelo e os muros da vila, entre os libros e a palabra, e entre a creación profesional e a participación cidadá.
Unha segunda edición para seguir facendo do M.O.L.A. un punto de encontro
Con esta segunda edición, Vimianzo M.O.L.A. busca dar continuidade a unha proposta que naceu coa intención de reunir nun mesmo festival diferentes formas de expresión cultural e artística.
A programación está pensada para que a cultura poida ser vivida en familia, para descubrir novos autores e autoras, para reencontrarse cos libros, para escoitar historias, para conversar, para gozar das artes escénicas e para participar directamente na creación artística.
“Queremos que Vimianzo MOLA se converta nunha cita anual imprescindible. Un encontro ao redor dos libros, das palabras e da creación artística, pero tamén un motivo máis para vir a Vimianzo, coñecelo, percorrelo e vivilo”, destacou a alcaldesa.
Rodríguez Ordóñez agradeceu finalmente o apoio da Deputación da Coruña, que permite ao Concello “seguir apostando por unha programación cultural de primeiro nivel desde o ámbito municipal”, e convidou “a toda a veciñanza e a toda a comarca a participar, a descubrir os libros, a escoitar as historias, a coñecer as nosas autoras e autores e a formar parte deste proxecto”.
“Porque Vimianzo MOLA coa cultura. Vimianzo MOLA coa literatura. E Vimianzo MOLA cando a cultura se comparte”, concluíu.
Ligazóns