Do 11-06-2026 ao 11-06-2026
O Concello de Vimianzo presentou durante a mañá deste martes o seu novo proxecto de sensibilización social enmarcado no plan local de loita contra a soidade non desexada “Conectando Corazóns”. Trátase do conto infantil Por que se lle revirou o peteiro á Curuxa Maruxa?, unha obra con texto do psicólogo municipal Sergio Trillo e ilustracións da dumbriesa Laura Suárez, editada pola Imprenta Provincial da Deputación da Coruña como unha edición non venal destinada a tecer redes de apoio desde a infancia.
O acto, celebrado na Casa da Cultura de Vimianzo, contou coa participación da alcaldesa, Mónica Rodríguez; da concelleira de Benestar Social, Igualdade, Sanidade e atención cidadá, María José Pose; da deputada de Política Social, Mar García; da coordinadora do Plan de Soidade, Sandra Abeijón; así como das persoas creadoras da publicación.
A presentación contou ademais coa asistencia do alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria do CEIP San Vicenzo, que participou nunha actividade de animación arredor da obra e dos valores que transmite.
Unha metáfora sobre a importancia de escoitar
O libro narra a viaxe de Maruxa, unha curuxa que un día esperta co peteiro torcido por mor dun “sentimento estraño” que non logra comprender. Ao longo do seu percorrido polas diferentes parroquias de Vimianzo, a protagonista atópase con distintos animais cheos de talento pero demasiado ocupados nas súas rutinas individuais, que non conseguen descifrar o seu malestar. Finalmente, serán a interacción con todos eles, a ledicia compartida e o calor da comunidade os que lograrán endereitar o seu peteiro, descubrindo
que o que sufría era a soidade.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, destacou durante a presentación e no limiar da obra que “a soidade ás veces chega sen avisar e pesa máis do que debería. Pero cando alguén nos escoita, ese peso desaparece”, incidindo ademais en que este conto é “unha invitación a coidar, a mirar polos demais e a lembrar que todas as persoas merecen sentirse acompañadas”.
Unha ferramenta pedagóxica activa
Máis alá da lectura, o proxecto busca converter o libro nun recurso de acción social e educativa. A publicación inclúe unha actividade final baseada nunha árbore e os seus froitos, deseñada para que os nenos e as nenas identifiquen as súas propias redes de confianza e saiban a quen acudir cando se sintan sós.
Con esta iniciativa, o Concello de Vimianzo reforza o seu compromiso coa creación dunha comunidade máis amable, inclusiva e corresponsable, amosando que a solución á soidade non desexada reside nos pequenos xestos cotiáns e na fortaleza do tecido veciñal.