Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Vimianzo estreará o vindeiro luns, 15 de decembro, a súa pista de xeo natural, que estará localizada ao carón da carpa da praza do Concello ata o 11 de xaneiro de 2026. O acto de apertura dará comezo ás 17:00 horas.
Desde o día 15 ao 19 de decembro e o 8 e 9 de xaneiro estará reservada ao alumnado en horario de mañá. Do 15 ao 18 pola tarde, de 17:00 a 21:00 horas, abrirá ao público xeral. Despois, desde o 19 de decembro ata os 11 de xaneiro a pista estará aberta de 11:00 a 22:00 horas. As entradas, que terán un prezo de 5 euros, poñeranse á venda a partir do venres 12 de decembro a través da app habilitada.
A entrada básica inclúe os patíns e ten unha duración de 45 minutos, deixándose outros 15 para o cambio de calzado.
Normas de uso
Para patinar é obrigatorio o uso de luvas e ir no sentido no que indique o monitorado. É necesario respectar as súas indicacións, así como ao resto das persoas usuarias, para evitar caídas e danos na medida do posible.
Terán preferencia as persoas usuarias con reserva online previa e o aforo máximo é de 48 patinadores por quenda. É importante respectar os tempos das mesmas para evitar problemas cos tempos marcados.
Na pista existen 5 apoios, polo que non se pode garantir a súa dispoñibilidade.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou que “é todo un orgullo presentar, un ano máis, un dos maiores reclamos destas datas. Vimos comprobando nos últimos anos como esta iniciativa é todo un éxito, moi reclamada tanto polos nosos veciños e veciñas como polos visitantes” e animou “a todo o mundo a vir ata Vimianzo e gozar das múltiples actividades programadas. A pista de xeo natural é unha opción perfecta para pasar un anaco en familia que se completa cunha extensa programación que inclúe música, teatro ou maxia”.