Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A Casa da Cultura acollerá mañá, 8 de febreiro, a VII Foliada do Río Grande, organizada polas asociacións Airiños do Río Grande e Foliada de Salto en colaboración co Concello de Vimianzo.
Este ano o grupo convidado será Falcatrueiros de Monterroso, que previamente gozarán dunha mañá turística coñecendo algúns recunchos do municipio. Nas primeiras horas do día farán unha visita guiada aos Batáns e Muíños do Mosquetín, desde onde irán ata o Castelo. A técnica de Turismo, Mariví Amigo, será a encargada de ensinarlles as características máis peculiares destes enclaves.
Se as condicións meteorolóxicas o permiten, arredor das 18:00 horas realizarán un pasarrúas, amenizando os minutos previos ao comezo do espectáculo coa súa música.
Xa na Casa da Cultura, ás 18:30 horas dará comezo a Foliada, na que se estreará o espectáculo ‘Os zocos máxicos’. Nel cóntase a historia dun zoqueiro que chega a unha vila na que coñece a unha rapaza filla de terratenentes. Todo está en contra do seu amor, pero unhas fadas máxicas axudan a que poidan construír a súa historia.
A concelleira de Turismo, Beatriz Pazos, mostrouse moi orgullosa “por poder contar con esta foliada e apoiar unha iniciativa que reivindica a importancia da música e o baile tradicional galego”, e, ademais, “poder contar cun grupo do nivel de Falcatrueiros de Monterroso e que ata 60 persoas veñan ata Vimianzo para participar neste proxecto tan fermoso”.