Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo presenta, un ano máis, o Concurso Infantil de Postais de Nadal, no que poderán participar todas as crianzas de Educación Infantil e Primaria do municipio.
Os traballos poderanse entregar entre o 25 de novembro e o 19 de decembro de 2024 na Casa da Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 20:00 horas ou os sábados de 10:00 a 13:00 horas.
Os debuxos deberán xirar ao redor do tema ‘Vive o Nadal en Vimianzo’ e a técnica será libre, a excepción das purpurinas, os algodóns e as tintas metálicas, que non serán admitidas.
Deberanse entregar en tamaño A4 e por unha soa cara, e non se recollerán pezas pregadas. No reverso da obra deberase indicar o título do traballo, o nome e apelidos do autor ou autora, a idade, o teléfono familiar, o curso e o nome do centro educativo.
Establécense catro categorías: a A para alumnado de 4, 5 e 6º de Educación Infantil, a B para o alumnado de 1 e 2º de Educación Primaria, a C para alumnado de 3 e 4º de Educación Primaria e a D para o alumnado de 5 e 6º de Educación Primaria. Para cada unha delas haberá dous premios, consistentes en material didáctico ou libros de lectura.
Os premios entregaranse o mesmo día no que se dará a coñecer o fallo do xurado: o 20 de decembro. Farase nun acto público na Casa da Cultura. De entre todos os debuxos premiados seleccionarase a postal de Nadal que se utilizará para felicitar o Nadal 2024.
Todas as pezas presentadas serán expostas na Sala de Exposicións Antón Mouzo da Casa da Cultura.