Do 30-10-2024 ao 30-10-2024
O Concello de Vimianzo e a Fundación Mujeres van poñer en marcha o Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no Medio Rural (SAIC) co fin de mellorar a calidade de vida das mulleres do municipio que son coidadoras non profesionais de persoas con dependencia.
O servizo, que será de balde, vaise prestar os venres desde o día 4 de outubro até o 29 de novembro, en horario de 10:30 a 12:30 horas, na segunda planta do Concello de Vimianzo.
O programa de talleres abordará a xestión emocional desenvolvendo estratexias para identificar, expresar e xestionar as emocións de maneira saudable. Traballarase tamén a xestión da culpa, abordando nas claves para aprender a xestionala. Outra das cuestións que se tratará será o fomento da autoestima, potenciando o empoderamento persoal para aprender a poñer límites, dando as ferramentas para dicir non ante demandas excesivas.
Tal e como sinala o IV Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Vimianzo (2022-2026), os coidados de persoas dependentes seguen recaendo maioritariamente nas mulleres. Este repartimento desigual perpetúa os roles de xénero no municipio, aos que é necesario facer fronte.
Aquelas mulleres que queiran participar ou obter máis información poderán facelo a través dos seguintes números de teléfono: 981 70 74 26 ou 981 70 75 64 ou a través do correo electrónico servizos.sociais@vimianzo.gal, sendo a data límite de inscrición o día 30 de setembro.