Do 30-10-2024 ao 30-10-2024
O Concello de Vimianzo aprobou esta semana dedicar a meirande parte do orzamento do POS Adicional 2024 da Deputación da Coruña a financiar gasto corrente e a mellorar infraestruturas públicas.
Deste xeito, dos 593.983,52 euros concedidos ao Concello por parte do ente provincial, destinaranse 322.043,75 euros a gasto corrente e os 271.939,52 euros restantes distribuiranse na realización de tres proxectos de mellora no termo municipal.
Por unha banda, un deles supón a construción dun decantador na instalación do subministro de augas de Vimianzo, que estará localizado na contorna próxima do depósito municipal de Prado Vello. A actuación conta cun orzamento de 162.860 euros e suporá unha mellora moi importante no servizo, ao duplicar a capacidade actual. Ademais, tamén se proxecto a creación de catro grandes filtros, o dobre que os que hai actualmente, mellorando a capacidade de funcionamento deste sistema.
O decantador conta, a maiores, cun sistema que permite facer o mantemento en fases, facéndoo no 50 % mentres a outra metade continúa en funcionamento.
Por outra banda, os outros dous céntranse na mellora da rede viaria municipal. Un deles é o de mantemento e mellora da estrada municipal Trasouteiro, cun orzamento de 47.117,85 euros, mentres que o outro, que conta cun orzamento de 61.961,92 euros, inclúe a mellora da capa de rodaxe no viario de Baíñas.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou que “nesta ocasión démoslle prioridade a cubrir estas tres necesidades e, así, continuar mellorando pouco a pouco as infraestruturas do noso municipio”, ademais, completou, “as obras do POS anterior están xa en proceso de licitación e agardamos que poidan iniciarse canto antes”.