Concello de Vimianzo
27 de xullo de 2024
O corazón da Terra de Soneira

Novas

08-03-2023

O Concello presenta a ruta 8M, unha viaxe polo pasado coas mulleres de Vimianzo como protagonistas


O Concello de Vimianzo presentou na mañá deste mércores o Roteiro 8M, un percorrido urbano e reivindicativo con motivo do Día Internacional da Muller e cuxo obxectivo prioritario é visibilizar o seu papel na sociedade durante épocas pasadas.

En concreto, esta ruta de seis quilómetros polo Val de Vimianzo ten como fío condutor a vida e experiencias de centos de mulleres do municipio que participan no programa Actívate, unha iniciativa posta en marcha polo goberno local en diversas parroquias.

Roteiro 8M consta de oito paradas temáticas relacionadas co traballo, coa crianza, a escola e educación, a emigración, a labranza, a romaría, o fogar ou o palillar. As persoas que realicen o percorrido poden somerxerse en cada vivencia a través dos códigos QR instalados nos paneis de cada pausa. A primeira delas foi no Pazo de Trasariz, coa educación como protagonista.

A presentación contou coa actuación especial da cantante Irma Macías e do grupo de teatro Tete, que interviu na parada establecida no Castelo. Ducias de veciñas e veciños desafiaron a tímida chuvia para estrear unha iniciativa que será perpetua na localidade soneirá.

Por outra banda, continuarán durante os próximos días actividades a favor da igualdade e contra a violencia de xénero nos centros educativos.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, María José Pose, sinalou no seu discurso que “o que presentamos hoxe aquí non é unha simple camiñata a realizar un día calquera; é unha ruta sinalizada con vistas de futuro para coñecer o noso patrimonio e a historia da muller vimiancesa e da muller galega”, comezaba Pose.

“Non é un percorrido de moitos quilómetros pero si unha viaxe repleta de vivencias de mulleres do pasado, e coa que queremos crear un lugar de reflexión que sirva para que non só a nosa xeración, tamén as vindeiras, se decaten do importantísimo papel que desenvolveu a muller na sociedade e as dificultades polas que sempre pasaron polo simple feito da súa condición”.

A edila quixo agradecer “a todas as mulleres das 14 parroquias que, por medio dos obradoiros de estimulación cognitiva, participaron na creación deste roteiro; tamén a Sergio Trillo, voso mestre e psicólogo; a todos e cada un dos departamentos municipais, Nieves Lema, Víctor Santos, Xiomara Lazo, á Deputación da Coruña, a todo o persoal do departamento de Turismo, Promoción Económica, Servizos Sociais, Protección Civil, Policía Local e demais departamentos pola súa predisposición e colaboración, e tamén aos membros da corporación que nos acompañan hoxe aquí, especialmente á miña compañeira e concelleira de Cultura, Rosa Blanco, que sempre me acompaña nesta loita pola igualdade, así como a alcaldesa, Mónica Rodríguez, que non só fai que todo sexa máis doado e posible, senón que como muller, antepón en todos os ámbitos a as políticas de igualdade neste Concello”.

Precisamente Mónica Rodríguez, rexedora vimiancesa, recollía os agradecementos da súa compañeira e “animaba a todas as persoas que estades hoxe aquí a facer valer esta homenaxe non só o 8 de marzo, senón todos os días do ano”, facendo fincapé no “importante que é loitar, e que sigamos loitando, por unha igualdade real nunha sociedade na que homes e mulleres teñan os mesmos dereitos”.

“Namentres existan as desigualdades, namentres as diferenzas rachen co noso obxectivo, nós seguiremos aquí, en pé, reclamando e loitando polo que cremos. Porque nos queremos libres. Porque ser muller é un tremendo orgullo e porque sexa 8 de marzo todos os días do ano”.

As vivencias das protagonistas a través dos códigos QR

Os códigos QR establecidos nas 8 paradas temáticas que conforman este particular roteiro abranguen diferentes ámbitos da sociedade nos que a muller tivo un papel moi relevante.

A muller traballadora. Na casa, no campo, nunha fábrica... As mulleres da Terra de Soneira contan todo esforzo realizado desde que eran moi novas e con xornadas laborais de sol a sol.

A muller e a escola. As experiencias da muller soneirá deste roteiro reflicten o papel totalmente secundario que adquiría a escola nas súas vidas pois sempre primaban as tarefas do fogar ou o coidado dos animais. Todo isto, sumado á precariedade das instalacións ou a ausencia de medios de transporte.

A muller e a emigración. Neste caso, nárranse dúas vivencias: a dureza de afrontar un rol masculino ante a marcha dos seus maridos e tamén a necesidade de emigrar polo porvir das súas familias deixando atrás o fogar e os fillos.

A muller e a crianza. A sororidade é a protagonista desta sección, demostrando que o traballo conxunto entre as mulleres dunha mesma familia era o piar para que o resto de labores puideran saír adiante asumindo, moitas veces, papeis de nais desde unha idade moi nova.

A muller e a labranza. Constituíron o elemento central das pequenas explotacións familiares galegas, desempeñando os traballos máis pesados do agro a carón dos homes atendendo, ademais, as tarefas do fogar.

A muller e a romaría. As nosas protagonistas lembran estes días de festa como os de descanso e desafogo. Momentos nos que, sempre en grupo, acudían a algunha romaría que se atopaba a quilómetros de distancia.
A muller e o fogar. Sen dúbida, foron o piar da súa casa. O seu traballo, nunca recoñecido e nunca remunerado, foi o sostén da economías e das familias galegas.

A muller e a panillada. Esta actividade foi e segue sendo unha actividade artesanal moi vinculadas ás mulleres das parroquias de Carantoña, Carnés, Cereixo, Vimianzo e Calo.

Ademais de ser centros de socialización, nas panilladas as mulleres traballaban para vender o seu encaixe.


Pleno extraordinario

No día de hoxe, a corporación vimiancesa tamén elebrou unha sesión extraordinaria do Pleno, ás 9:00 horas, onde se aprobou por unanimidade o cambio de nomenclatura do ‘Miradoiro Ramón Berra’ por ‘Miradoiro 8M’. A praza da rúa Torre conservará o nome de ‘Ramón Berra Pereira’, en honra a quen fora gobernador civil de Segovia entre 1987 e 1988, para posteriormente exercer o cargo na Coruña desde 1988 ata a súa morte, en 1992.

Por unanimidade tamén se acordou renovar o convenio do Parque arqueolóxico do megalitismo da Costa da Morte, cuxas bases de cooperación entre a Deputación da Coruña e os Concellos da Laracha, Cabana de Bergantilños, Carballo, Coristanco, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas foron modificadas por acordo inicial do Consello de Dirección, e sometidas a acordos nos órganos competentes correspondentes.

Unha vez tomados os acordos correspondentes, no prazo de quince días constituirase o novo Consello, que designará aos técnicos responsables da elaboración do Plan de actuación, para a súa tramitación, aprobación e aplicación consonte ao disposto no convenio de colaboración.

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- xullo +
L
M
M
X
V
S
D
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
18
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
 
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
Museo Virtual SEA- Suelo Empresarial del Atlántico GDR Costa da Morte Grupos de Acción Costeira
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X