Concello de Vimianzo
8 de febreiro de 2023
O corazón da Terra de Soneira

Novas

17-01-2023

O Concello presenta a programación cultural de inverno 2023 do Auditorio municipal


O Concello de Vimianzo presentou na mañá deste martes a súa programación cultural de inverno formada por 12 espectáculos de teatro, música, danza e circo para un público adulto e que se desenvolverán de xaneiro a maio no Auditorio municipal.


Á presentación destas novas propostas de artes escénicas celebrada na sala de conferencias da Casa da Cultura acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a de Benestar Social, María José Pose; e a técnica de Cultura, Nieves Lema.


A rexedora agradeceu “o apoio recibido pola Deputación da Coruña e a Rede Galega de Teatros e Auditorios Agadic da Xunta, ademais do Centro Dramático Galego, xa que fixeron posible este completo abano de espectáculos culturais de recoñecidas compañías”.


O inicio da programación está previsto para o último sábado deste mes de xaneiro, día 28, co espectáculo Flores de España da compañía nacional Los Sueños de Fausto. Aborda diferentes temáticas relacionadas coa memoria histórica, a posguerra, os bebés roubados durante a ditadura ou a entrada á democracia.


O 4 de febreiro Caxoto aterrará en Vimianzo con Don Carnal. Contos Desvergoñados que levará ao público a un tempo pasado onde se conxugaban mellor conceptos como luxuria, esmorga ou blasfemia.


O seguinte sábado, día 11, o auditorio municipal encherase de música tradicional grazas á Foliada do Río Grande organizada polos grupos Foliada de Salto e Airiños do Río Grande de Pasarela.


Último verán en Santa Cristina, da lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, presentará o seu último espectáculo o día 25. A peza de teatro político, e con pinceladas autobiográficas, está firmada polo dramaturgo Eduardo Alonso e ambiéntase nos anos 60. Aborda as sensibles e conmovedoras lembranzas dun neno que vive a súa infancia na España franquista.


Xa no mes de marzo, e para conmemorar o 8M, a compañía Verdeverás Expresións Artísticas traerá a Vimianzo, o sábado 4, Crónica dunha heterosexual insatisfeita. Esta obra ten como protagonista a unha muller común que, case por accidente, descobre que se está a facer vella e que, de non mudar certas cousas, morrerá conxelada.


O 11 de marzo a formación Talía Teatro presentará en Vimianzo a súa última produción: Unha inimiga do pobo. Unha montaxe de gran formato, e baixo a dirección de Tito Asorey, sobre a corrupción do poder e a manipulación dos medios ao servizo do mesmo.


Na fin de semana seguinte, Mofa e Befa aterrarán no auditorio municipal o 18 de marzo con Pirolíticos, a última montaxe. Co gallo do seu 30 aniversario, Mofa & Befa emprenden o que é, esencialmente, unha guía para orientar ao público sobre as novas masculinidades de sempre e conseguir (no caso dos homes) unha correcta pirólise en 10 pasos sinxelos.


E marzo péchase o día 25 con Sofá, unha proposta de danza e humor da compañía Marta Alonso Tejada. Trátase dunha aposta pola linguaxe de tacto, a beleza do particular e a capacidade do baile para elevar o cotián ao sublime.


Xa no mes de abril, a programación retómase o sábado 15 con Redrum Teatro e a premiada montaxe teatral O home con lentes de pasta. A obra conta a historia de Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella, e os seus amigos Laura e Fer, que a animan a que cumpra un dos desexos que deixara esquecidos: escribir.


O sábado 22 de abril será unha xornada máis musical cun concerto a cargo dos Coros Infantil e Novo da Sinfónica de Galicia.


A programación chegará ao seu fin no mes de abril coa celebración do Día Internacional da Danza e a recoñecida agrupación de danza tradicional Fran Sieira. O sábado 29 o público poderá gozar de DeMente, un espectáculo de baile e música tradicional galega que plasma unha realidade, un estigma, unhas patoloxías que, segundo a OMS, sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas.



O peche de ouro para esta programación cultural de inverno será o domingo 7 de maio grazas á colaboración co Centro Dramático Galego, que achega ao Auditorio de Vimianzo Un Hotel de primeira sobre o río: unha produción propia da compañía institucional e a primeira montaxe profesional desta obra de Xohana Torres. Un hotel de primeira sobre o río é o resultado do diálogo do texto orixinal co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais. Cunha coidada composición estética e unha rigorosa investigación sobre xestos e imaxes, a peza convida a abordar diferentes xeitos de vivir no ámbito rural e a cuestionar a xestión dos recursos naturais.

VENTA DE ENTRADAS E PREZOS

Todos estes espectáculos comezarán ás 20:30 horas excepto o do Centro Dramático Galego, que será ás 18:30 horas.


O prezo de entrada é de 5 euros (2,50€ a reducida) e haberá descontos para maiores de 65 anos e para estudantes acreditados. Ademais, facilitarase un bono de 10 espectáculos a 40 euros que non inclúen nin o concerto da Sinfónica nin a Foliada do 11 de febreiro, xa que estes son de balde.


A venda anticipada será a través de www.woutick.es (gastos de xestión incluídos) ou na billeteira da Casa da Cultura de Vimianzo de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Nesta última tamén será posible adquirir unha entrada o día de cada función desde unha hora antes do inicio de cada unha.


Non se poderá entrar na sala unha vez comece o espectáculo.

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2023 +
- febreiro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
Museo Virtual SEA- Suelo Empresarial del Atlántico GDR Costa da Morte Grupos de Acción Costeira CeMIT Obradoiro de Emprego Xuvenil
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X