Concello de Vimianzo
30 de novembro de 2022
O corazón da Terra de Soneira

Novas

25-10-2022

A subdelegación do Goberno presenta en Vimianzo a iniciativa ‘MAVI’ contra a violencia de xénero

A subdelegación do Goberno comezou esta mañá a andaina da iniciativa ‘MAVI’, unha maleta contra a violencia de xénero cuxo obxectivo principal é achegar a lectura respecto a esta temática tan sensible e importante a toda a comunidade da provincia, especialmente a dos rurais, que teñen maior dificultade para acceder a este tipo de recursos. 

No acto inaugural, celebrado na Biblioteca Municipal da Casa da Cultura, participaron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; a Xefa da Unidade contra a Violencia sobre as Mulleres, María Isabel Álvarez García; a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a concelleira de Benestar Social, María José., e a axente de igualdade municipal, Xiomara Lazo. 

Esta maleta conta con 10 libros sobre temas de feminismo, violencia de xénero, empoderamento e autoestima, especialmente das mulleres e nenas. Son textos que promoven a reflexión, a sensibilización e a concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria, favorecendo un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades. 

Oito libros para a poboación adulta e dous infantís. Tamén están incorporados cadernos coas fichas dos libros , un Diario de MAVI, nos que as persoas lectoras poderán deixar plasmadas as súas impresións sobre as lecturas, e adhesivos con frases de mulleres que se pegan á propia maleta. 

A estancia de MAVI no Concello de Vimianzo será de tres semanas, que a modo de presentación viaxará polas 3 escolas unitarias de Carnés, Carantoña e Castromil. Presentarán a MAVI en cada centro escolar, ao alumnado e ás familias a concelleira de Igualdade e a axente de Igualdade do Concello de Vimianzo. A xornada de presentación complementarase cun obradoiro infantil de igualdade e prevención da violencia de xénero, a través de contacontos e debuxos aludindo aos libros na Maleta, impartido por Xiomara Lazo.

No 2023, agárdase o regreso de MAVI a Vimianzo e quedará instalada no Recuncho Violeta da Biblioteca Municipal, para que persoas usuarias deste espazo poidan acceder aos seus recursos mediante o préstamo. Durante a estancia da maleta, organizaranse actividades complementarias de animación á lectura e de sensibilización, tales como obradoiros, contos, agasallos e sorteos. 

María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña, comezou a súa intervención agradecendo ao Concello de Vimianzo a súa labor e implicación en materia de igualdade. “Tiña que ser en Vimianzo si ou si onde comezase a súa andaina esta maleta viaxeira, unha iniciativa onde as persoas lectoras poderán deixar plasmadas as súas vivencias coas lecturas que propoñemos”. 

“Temos que facer un esforzo por achegar estes recursos a todos os lugares da provincia, e este proxecto recompila textos que promoven a reflexión para conseguir unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e, fundamentalmente, libre de violencias machistas”, continuaba Rivas.

“Non quero rematar esta presentación sen lembrar unha cifra que é impactante, pero que quero que teñades en conta para explicar o porque destas iniciativas. Temos 1923 casos nesta provincia, soamente nesta provincia, de mulleres que teñen algún nivel de protección; é dicir; case 2000 mulleres que non poden facer a súa vida con completa liberdade. Para min estas son 1923 razóns para seguir traballando de xeito coordinado entre institucións, porque é moi necesario para concluír con esta lacra social”, rematou a subdelegada do Goberno.

Pola súa banda, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, agradeceu á subdelegación do Goberno “o ter pensado en Vimianzo para comezar un itinerario que, agardamos, sexa o inicio de acurtar unhas desigualdades que, desgraciadamente, aínda existen e son moi na nosa sociedade”. 

A rexedora vimiancesa quixo recalcar o traballo da área de Igualdade do Concello de Vimianzo, con María José Pose e Xiomara Lazo á cabeza, o que “vén a rubricar unha labor dun equipo unido, concienciado e que traballan a diario por acadar unha sociedade igual, libre de violencias machistas”, rematou.

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Dbarrio. Comercion online
Axenda
- 2022 +
- novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
Museo Virtual SEA- Suelo Empresarial del Atlántico GDR Costa da Morte Grupos de Acción Costeira CeMIT DBARRIO Obradoiro de Emprego Xuvenil
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X