Concello de Vimianzo
19 de setembro de 2020
O corazón da Terra de Soneira

Novas

11-09-2020

O Concello de Vimianzo presenta a programación de outono do Auditorio da Casa da Cultura

Despois destes duros meses de confinamento, desescalada e adaptación a unha nova normalidade marcada pola Covid-19, o Concello de Vimianzo presenta a programación dos sábados dos meses de setembro a decembro do Auditorio da Casa da Cultura destinada a público adulto.

Nesta programación de outono o concello mantén os compromisos cancelados no primeiro semestre por mor da crise epidemiolóxica e presenta unha programación con máis espectáculos, datas e seguridade que nunca, sempre respectando as pautas de seguridade sanitaria.

A programación arranca no mes de setembro con 2 espectáculos con perspectiva de xénero, promoción da igualdade entre mulleres e homes.
As Fillas Bravas e o mito de Casandra, o 19 de setembro, é, por un lado, unha obra na que tres mulleres maiores tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural. E por outro, é unha obra con perspectiva de xénero á procura de personaxes femininos empoderados, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma, creativa e implicada na colectividade.
O día 26 será a quenda de Teatro do Atlántico baixo a dirección de Xúlio Lago, Dúas donas que bailan, no que vemos-como nun espello- situacións próximas e moi recoñecíbeis nas que as mulleres son as protagonistas que desenvolven a súa vida soportando e afrontando as dificultades a que as aboca a sociedade actual que todos fomos conformando: desafiuzamentos, malos tratos, soidade, abandono na vellez.

Unha muller maior, viúva, que soña cunha viaxe a París, resístese a abandonar o esfarelado piso no que habita, malia as presións dos fillos e tamén da axencia propietaria do inmoble. Todos eles teñen outros plans para a vivenda. A filla, en tanto non consegue que a nai mude de actitude, contrata unha muller para que vaia facer os labores domésticos na casa dúas veces por semana. A muller contratada é unha profesora de Lingua e Literatura, de mediana idade, obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo. O seu carácter contestatario é parello ao da vella, outrora unha muller rebelde e activista. A presenza da contratada non é ben recibida e cada xornada convértese nun inquietante e por veces traxicómico enfrontamento.
O día 3 de outubro será a quenda de Quico Cadaval que Conta...vacas, guerras, porcos e cregos. Cadaval conta a historia dun antepasado, Xuán o Fino, que era un home bo coa familia, pacífico e bo veciño, amigo de facer favores. Unha personaxe carente de interese para o público, por estar exento de maldade. Mais observando o entorno do patriarca, aparecen historias extraordinarias protagonizadas por personaxes menos virtuosos. Son coprotagonistas da historia vacas, curas, mentireiros, sementais, barbeiros , porcos,artistas de cine e militares.
Sarabela teatro, recoñecida como unha das Compañías máis consolidadas de Galicia, achéganos a Vimianzo o 10 de outubro, A lingua das bolboretas.
O Concello de Vimianzo acolle esta montaxe inspirada na obra deManuel Rivas'A lingua das bolboretas' e 'A traxectoria do balón' para que a veciñanzapoida gozar da obra deste recoñecido e benquerido persoeiro no Auditorio vimiancés.

O espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento da realidade e o respecto cara o próximo) e é testemuña tamén da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil. A través da entrañable relación que manteñen o mestre, don Gregorio, e o neno, vaise descubrindo paulatinamente ante o espectador a beleza daquelas realidades cotiás que pasan inadvertidas (como o mundo dos insectos), facendo partícipe ao receptor da historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas. Un espectáculo emocionante e necesario para os tempos que corren.
O 17 de outubro, será a quenda para a compañía Títeres Alakrán coa obra Finisterrae: O último ultramarinos que é un particular retrato da Costa da Morte, feito por creadores da zona . A obra está escrita pola ceense María Lado e interpretada por Borja Insua (Corcubión) e Celtia Figueiras. Finisterrae nace coma unha oda ás raíces, coa intención de expresar o amor pola terra e o pulo das novas xeracións por retornar ás súas vilas de orixe, e coma unha homenaxe a esas vilas afastadas das grandes cidades, que a pesar de sufrir despoboación seguen agochando oportunidades. Unha obra que pon en valor o local e o pequeno comercio, e que conta cunha interesante proposta estética incorporando ao teatro de actor a manipulación de títeres.
O día 24 de outubro Producións Teatráis Excéntricas, compañía referente do teatro galego actual, achéganos a Vimianzo o seu espectáculo Medida x medida, versión da obra de William Shakespeare coa que a compañía compostelá celebra os seus 15 anos sobre as táboas.
Medida por medida é, segundo a propia compañía, unha comedia negra sufocante, divertida, enigmática e aceda, que coquetea constantemente co desastre. Acidade de Vienna é o labirinto no que se buscan, ansiosas, as personaxes de MxM. As rúas están electrizadas polo desexo e o medo, que se comportan como fluídos a encher minuciosamente cada recuncho, asfixiantes como un gas denso, brillantes como unha pinga de mercurio a rolar na cidade. As fascinadas criaturas foxen e perseguen, alternativamente, os escuros fantasmas do desexo que se esvaecen nos seus abrazos ou se insinúan no final de húmidos corredores. O xogo que se executa neste taboleiro é simple: salvar a vida dun home nas breves horas dunha noite.

Quico Cadaval, director da montaxe, e un elenco de luxo integrado porMelania Cruz,Evaristo Calvo,Patricia Vázquez,Josito Porto,María Costas,Santi Romay,Víctor Mosqueira e Bernardo Martínez.Ademais de co devandito elenco, Cadaval conta tamén para a súa posta en escena con Suso Montero no deseño de vestiario, Bernardo Martínez na dirección musical e Dani Juncal no deseño de iluminación.

Pecha o mes de outubro, o coñecido cómico e actor Carlos Blanco e nesta ocasión chega a Vimianzo acompañado de Osvaldo Digón.
Quen dixo medo, son monólogos, claro, da man de dous consumados e aplaudidos monologuistas.Un da Arousa e outro dos Ancares. Pero tamén diálogo, xogo, interacción co público, diversión garantizada no auditorio vimiancés.
O 7 de novembro, Teatro da Ramboia, representa o espectáculoO meu mundo non é deste reino, é unha adaptación da "Farsa de Bululú" de Manuel María, unha parodia da ditadura franquista. A recuperación do título orixinal da obra serve para proxectar este laio silenciado no seu día. Hoxe, encabeza o espectáculo de novo para facer fronte a un pasado que insiste en repetirse.
O Concello de Vimianzo colaborou coa Casa-Museo Manuel María no certame Manuel María de proxectos teatrais e o espectáculo gañador foiO meu mundo non é deste reino.
O 14 de novembro o grupo de teatro Badius de achéganos a Vimianzo A Peregrinaxe, unha divertida comedia interpretada por caras moi coñecidas na comarca.
No mes de novembro destacan 2 espectáculos dentro da programación especial para conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
O 21 de novembro Teatro del Andamio achéganos Insubmisión, quefala da violencia que se xenera no ámbito familiar, e que o fai dende o epicentro do conflicto: a intimidade da parella.

O texto conta a historia partindo de dúas premisas. A primeira é que a violencia non aparece explícita violencia suxerida, subxacente... A tensión dramática crece ao redor desa violencia contida, pero que non estala sobre o escenario.

A segunda é que Insumisión non só se articula sobre a dor senón tamén sobre a esperanza, plantexando unha rebelión ante os fíos que nos atan a unha vida desgarrada. Hai saída; é posible facer as maletas é pechar a porta.
O 28 de novembro será a quenda do espectáculo 1879.Casa de bonecas da compañía Estudo Momento.

1879 Casa de Bonecas é unha adaptación do texto clásico que o dramaturgo Henrik Ibsen estreara con grande escándalo a finais do século XIX. Predecesora dos grandes movementos feministas, ensalza a figura de Nora Helmer, esposa e nai perfecta, que rachará dun famoso "golpe de porta" con todas as ataduras do sistema patricarcal.

Esta versión centrada no matrimonio e protagonizada polos actores Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, convida ao espectador a recoñecerse na intimidade dunha relación desigual, entre homes e mulleres, como se o estivese a ver todo at ravés dunha ventana indiscreta...

A montaxe acadou o I Premio Luísa Villalta pola Igualdade concedido pola Deputación da Coruña.
Nesta tempada tamén chega a maxia a Vimianzo o día 5 de decembro co espectáculo Le Cirque do mago Cayetano Lledó .Maxia cómica inspirado tanto nas liñas de teatro clásico coma as correntes actuais, pero con un enfoque innovador e característico. Adéntrate no fabuloso mundo do circo baixo a visión fresca e renovada do home que revolucionou as artes circenses fusionadas coa maxia, Monsieur Lafayette. Entraremos no apaixonante mundo dun héroe da escena moderna, que rescatou o vaudeville e mailo cabaret para facelos emerxer con máis forza que nunca.
O día 12 de decembro remata a programación de outono con Culturactiva e o delicioso espectáculo Papar sen cancelas, onde poderedes deleitarvos cunha exquisita selección gourmet dos mellores pratos da nosa lingua. Linguas soltas, linguas hábiles, linguas deslinguadas, linguas para todos os gustos! Poderedes presenciar as artes para a cociña cómica de tres xeniais chefs,Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei, preparando o menú para personaxes entre o máis distinguido do panorama galego actual; baixo a dirección de Diego Rey.
As representacións deste outono cultural, destinadas a adultos serán os sábados ás 20:30h. e a billeteira abre unha hora antes do inicio do espectáculo.
Estará á venda na Casa da Cultura un bono para os 13 espectáculos por 50€ e haberá descontos para maiores de 65 anos e para estudantes acreditados.

O prezo de entrada é de 5 euros ( reducida 2.50€).
O espectáculo A peregrinaxe do Grupo de teatro Badiusten un prezo entrada de 3,50€ ( reducida 2€) .

Para o acceso ao auditorio deberá cumprirse o itinerario seguro e a obrigatoriedade de máscara hixiénica.
O público infantil e familiar tamén ten o seu oco na programación do auditorio, outono rebuldeiro que se presentará nos vindeiros días.

Descargas

Cita previa
Sede Electrónica
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2020 +
- setembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
SEA- Suelo Empresarial del Atlántico
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X