Do 17-02-2021 ao 12-06-2021
A boa oferta gastronómica de Vimianzo a través da súa hostalaría, produtores locais e festas estará presente este venres na feira gastronómica máis importante de Galicia, Xantar, que se celebra en Ourense. No espazo da Deputación da Coruña, o Concello de Vimianzo realizará ao longo do día degustacións e demostracións de cociña. A calidade dos produtos locais, a recoñecida sona da súa hostalaría e empresariado, ademais das súas festas son as tres patas nas que se baseará a presenza vimiancesa na feira.
O cociñeiro vimiancés Fabián Mouzo será o encargado de poñer sobre a mesa os “Sabores da historia”, unha representación dos pinchos irmandiños do Asalto ao Castelo e dos callos da Faguía de Carnés, declarada festa de interese turístico de Galicia. Desta forma, o concello pretende divulgar a variedade e riqueza histórica e cultural destas e outras festas gastronómicas do municipio.
Ademais, durante o día poderanse degustar unha mostra de carnes e sobremesas, como a bica de Vimianzo. Por outra parte, tamén se promoveu a participación do último certame de Pinchos Irmandiños no Concurso de carteis de festas gastronómicas de Xantar.
Todo isto coa presenza de persoal municipal que poderá orientar e promover a difusión da gastronomía vimiancesa, que xa é referente na comarca.