Concello de Vimianzo
26 de abril de 2024
O corazón da Terra de Soneira

25N. Concurso de MICRORRELATOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

1º PREMIO: ESTEFANÍA MARTÍNEZ VARELA

VIDAS PERDIDAS

"Naceu muller nunha aldea enxebre. Medrou axiña e casou mociña.

De cativiña soñaba con ir á escola, aprender, cantar, bailar, pintar, escribir mil historias que a outros fixeran soñar, mais estudar non puido, desfrutar tampouco, tan só traballar, traballar e traballar. Serva obediente de pais, home, fillas e netos, que pouco ou nada lle agradecían todo canto ela se desvivía.

E xa velliña, soíña decote a carón da cociña, agardando ilusionada visitas que nunca viñan, pensaba nesa vida nunca vivida, matinaba que pra nada valía, iso se dicía, ou sería que iso sempre lle fixeron sentir, e ela non sabía máis que asentir?"

2º PREMIO: CARMEN TOBA TRILLO

REMINISCENCIAS

"Naceu muller nunha aldea. As engurras do seu rostro debuxaban un mapa a escala reducida que permitían adiviñar unha vida chea de penurias. O día que abriu a porta a aquel casamento amañado a súa felicidade esvarou sixilosa deixándoa inerme.

Ollou aquel ramallo de rosas agranatadas que apertaba a rapaza contra o peito. Combinaba a perfección coa conca denegrida do seu ollo.

Reminiscencias acubilladas na súa mente despertaron coma folerpas de neve dun inverno infernal ao lembrarse daquelas chambras florais intercambiadas por solícitos perdóns.

Non ía permitilo. Desta vez non. Coa súa filla, non."

3º PREMIO: LORENA CERNADAS SOTO

AMENCER

"Naceu muller nunha aldea, como tantas outras.

María, sentada nunha cadeira, miraba a lúa. Confesións nocturnas que só escoitaría a brisa do verán.

Orgullosa de si mesma, levantouse e pechou a ventá. Por fin, a escuridade e as bágoas que a acompañaron dende que lle prometera amor ao home que xurou facela feliz quedaban atrás.

Un profundo suspiro de alivio xurdiu dos seus adentros. Un novo amencer, unha nova luz e unha María como única protagonista."

Descargas

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- abril +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
Museo Virtual SEA- Suelo Empresarial del Atlántico GDR Costa da Morte Grupos de Acción Costeira Obradoiro de Emprego Xuvenil
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X