Castro das Barreiras Castro das Barreiras Castro das Barreiras

O Castro

A outra fortificación do Val de Vimianzo

O castro das Barreiras, sitúase na parroquia de San Xoán de Cambeda, no concello de Vimianzo, capital da Terra de Soneira e centro da Costa da Morte. A súa localización, na contorna urbana de Vimianzo e á beira mesma da transitada estrada A Coruña – Fisterra, fai del un dos xacementos con maior potencial da comarca e convérteo nun recurso cultural e turístico de primeira orde.

Pero as súas singularidades van máis aló: dende o punto de vista arqueolóxico, tanto a súa localización atípica, en plena chaira e dominando a paisaxe cóncava do val de Vimianzo, como a espectacularidade do sistema defensivo, cun ancho foso seguido dun complexo terraplén, muralla que chega a superar os 10m de altura nalgunha zona, fan del un xacemento de sumo interese para a investigación e a difusión social da cultura galaica.

Despois de varias sondaxes, as escavacións arqueolóxicas retomáronse no ano 2018, coa apertura dunha área na que hoxe se poden observar os restos de catro construcións domésticas e outros muros de difícil adscrición funcional, así como moitos buratos de poste e estruturas negativas. Segundo o director destas campañas, Ángel Concheiro, o conxunto material recuperado, no que sobrancea a cerámica indíxena, indica, polo momento, unha cronoloxía da IIª Idade do Ferro e Época Galaico Romana, seguramente entre os séculos II a.C. e II d.C.

A área escavada ao remate da actuación de 2019. Foto: Arquestudio

COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X