Concello de Vimianzo
25 de abril de 2024
O corazón da Terra de Soneira

Novas

08-09-2017

As propostas de turismo cultural pechan o verán cun resultado moi positivo

Fai cinco anos arrincaba en Vimianzo o primeiro bus turístico coa intención de dar a coñecer a riqueza histórica e cultural do municipio soneirá, aquela proposta titulada “Vimianzo, historia viva” continúa hoxe consolidada como unha das propostas culturais máis interesantes da comarca. O programa de visitas guiadas ademais de incorporar visitas ó Castelo e o conxunto do Mosquetín cada fin de semana, convida en outras ocasións a indagar en novas perspectivas da vila percorrendo cada barrio a pé, ademais cando é preciso continúan a empregar o autobús para achegar ós visitantes a recantos menos coñecidos, pero sempre co denominador común de contar cun interesante relato histórico.

No verán máis exitoso para o turismo cultural que se recorda na comarca, o programa municipal: “Vimianzo - historia viva” fai balance de resultados moi satisfeitos da traxectoria e de ter contribuído a situar o municipio como destino cultural.

O patrimonio histórico como protagonista

A alta concentración de restos históricos que atesoura Vimianzo - unha das máis importantes de Galicia por exemplo a nivel de megalitismo - e onde non falta ningunha etapa da historia sen a súa representación material, converten o municipio nun interesante destino para aqueles que gozan de achegarse ó patrimonio histórico. Un filón que o goberno municipal soubo aproveitar impulsando un programa de visitas guiadas cunha proposta distinta cada sábado de verán. Deste modo sumáronse no presente ano entre os meses de xullo e agosto un total de oito saídas temáticas, onde participaron preto de 200 persoas, aínda que neste caso o número de asistentes non revela o interese suscitado, posto que todas as visitas tiñan un número limitado e reducido de prazas en favor da calidade do servizo.

As visitas sempre conducidas por expertos na interpretación do patrimonio, acadaron unha valoración moi alta por parte dos asistentes, entre eles moitos visitantes de proximidade así como asiduos a veranear na comarca, con ansias de procurar lugares pouco frecuentados, fóra dos circuítos turísticos convencionais e achegarse ó significado cultural dos sitios. Algunhas das propostas máis secundadas foron a visita nocturna a Berdoias - coa colaboración do colectivo A Rula, experto en arte rupestre - a visita para coñecer polo miúdo o fermoso lugar de Cereixo, as temáticas do medievo ou a derradeira e moi orixinal visita a contorna do Encoro da Fervenza na procura do megalitismo asolagado, todas as mencionadas colgaron o cartel de prazas esgotadas ó arranque da saída.

O castelo medieval, emblema de Vimianzo

“Vimianzo, historia viva” destaca por dar a coñecer cada fin de semana un recanto distinto do municipio, aínda con todo o castelo medieval de Vimianzo sempre será o seu prezado emblema e monumento máis senlleiro, por iso o programa inclúe o castelo en todas as propostas, ben como lugar de encontro ou protagonista absoluto. Durante o pasado agosto a vella fortaleza volveu a superar todos os recontos de visitantes contabilizados ata o presente nun só mes, acollendo a máis 7200 visitantes. O monumento que conta con máis de setecentos anos de historia, continúa a ser un lugar vivo e dinámico en boa parte grazas o seu centro de artesanía en vivo, en onde este verán non faltaron os obradoiros e exposicións. Asemade, a súa apaixonante historia foi relatada mediante propostas variadas e dirixidas a todos os gustos, dende as magnificas e amenas representacións teatrais dos Quinquilláns a outras dramaturxias máis nostálxicas e noiteras como aquela narrada pola suposta pantasma do poeta Evaristo Martelo a cargo de Manuel Rial.

Porque ó final, e tal como se di no remate das visitas guiadas que se fan cada fin de semana, estamos no momento histórico onde máis e mellor pode gozar o pobo do seu castelo. Visitas guiadas ó castelo que por certo, continuarán a ofrecerse durante todo o mes de setembro os sábados e domingos ás 12 e ás 19 horas.

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- abril +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
Museo Virtual SEA- Suelo Empresarial del Atlántico GDR Costa da Morte Grupos de Acción Costeira Obradoiro de Emprego Xuvenil
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X