Concello de Vimianzo
16 de outubro de 2026
O corazón da Terra de Soneira

Formación

ver todos

Convocatorias

Emprego

Público

Nestes momentos non hai ofertas públicas

Privado

ver todos

Novas

15-09-2026

Nove historias, nove miradas: así será o outono no Auditorio de Vimianzo

O Concello de Vimianzo presenta a programación de outono do Auditorio de Vimianzo, que entre setembro e novembro ofrecerá nove propostas escénicas que achegan diferentes linguaxes, xéneros e maneiras de entender a creación artística.

Teatro, danza, humor, artes vivas e teatro documental conforman un programa no que a escena se converte tamén nun espazo para falar de memoria, igualdade, identidade, coidados, autoritarismo e participación comunitaria.

A programación combina a presenza de compañías e artistas de recoñecida traxectoria con proxectos especialmente vinculados ao territorio, como “Os fíos da memoria”, unha creación realizada coas mulleres palilleiras de Camariñas e Vimianzo, ou a residencia artística do Colectivo RPM, que achegará ao municipio un proceso de investigación arredor do duelo e da tradición de velar.

Un outono que comeza con Mofa e Befa

O sábado 26 de setembro, ás 20:30 horas, a programación abrirase con “Mofa e Befa: Os Dous de Sempre”, de Producións Teatrais Excéntricas.

O histórico dúo formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira mergúllase nesta ocasión no universo de Castelao, dando vida a Pedriño e Rañolas, dous personaxes contraditorios, extremos e antagónicos, mais unidos pola amizade.

A proposta continúa a traxectoria de Excéntricas na adaptación teatral de grandes figuras da literatura galega, despois dos seus traballos arredor de Risco e Manuel María, e conecta o humor de Castelao coa tradición dos bufóns, os pallasos, o cabaré e o humor popular galego.

 

Danza, duelo e tradición

O sábado 3 de outubro será a quenda de “Suksen”, do bailarín e coreógrafo galego Jandross Rodríguez, dentro do programa de residencias do Colectivo RPM.

Con dirección artística de Julia Laport, o proxecto mestura danza urbana, creación e dramaturxia contemporáneas para investigar arredor do duelo e da tradición de velar e manter o loito. Desde o corpo, explora a fisicalidade límite dun corpo canso que segue a moverse, convidando á pausa, á intimidade e á reimaxinación do ritual desde unha perspectiva queer e contemporánea.

A proposta forma parte de Residencias Paraíso, un programa que impulsa procesos de investigación e creación en danza e artes vivas e que conta cunha rede de espazos colaboradores en Galicia, entre eles o Auditorio de Vimianzo. A residencia desenvolverase na Casa da Cultura de Vimianzo entre o 21 de setembro e o 3 de outubro.  

A memoria das palilleiras sobe ao escenario

O  7 de outubro chegará “Os fíos da memoria”, de aAntena Teatro, unha peza escénica creada coas mulleres palilleiras de  Camariñas e Vimianzo e interpretada por elas mesmas.

Panillos, cantigas, narración, corpo, voces e memoria entrelázanse nunha viaxe pola historia do encaixe e polo papel das mulleres que contribuíron a manter vivo este saber. A proposta nace da colección CUIDANTAS, de memoria viva das mulleres da Costa da Morte, e incorpora entrevistas realizadas en Vimianzo.

A concelleira de Cultura, Rosa Blanco, destaca esta proposta como un exemplo da aposta pola participación comunitaria: “unha cultura que non só se programa para a veciñanza, senón que se crea coa propia comunidade, poñendo en valor as súas voces, os seus saberes e a memoria do noso territorio”.

Unha mirada crítica sobre o poder

O sábado 10 de outubro, Talía Teatro presentará “Artur Ui, o ovo da serpe”, unha proposta que emprega a lente crítica e irónica do teatro épico para achegarse ao momento actual.

 

A obra afonda nos mecanismos do poder e na natureza do autoritarismo, establecendo un paralelismo co presente e coa aparición de novas formas de fascismo.

Humor para revisar as masculinidades

O venres 23 de outubro chegará “Less Dragqueens and More Chunorris!”, de Aló Produccións.

Dani Blanco e Alberte Bello sitúan a proposta entre o circo e a comedia para abordar, desde a retranca, as diferentes formas de masculinidade e cuestionar os modelos de masculinidade tóxica e o sufrimento que provocan.

Dirixido por Afonso Becerra, o espectáculo está coproducido polo Centro Dramático Galego.

Escena Norte chega a Vimianzo

O venres 30 de outubro, dentro do Proxecto Camino – Escena Norte, será a quenda da compañía vasca Tartean Teatroa, que presentará “¿Dónde están los niños?”.

A obra conta a historia de Maddi, unha nena de oito anos que leva tempo mostrando sinais de que algo non vai ben. O seu caso serve como punto de partida para unha dramaturxia que reflexiona sobre a presión á que están sometidas as crianzas nunha sociedade marcada pola esixencia e o malestar.

Unha viaxe pola historia do corpo das mulleres

O sábado 31 de outubro, o programa continuará con “A historia vaxenial”, protagonizada por Raquel Nogueira dentro do FEM 2026.

A proposta percorre a historia da humanidade para analizar como foron representados —ou ocultados— os órganos sexuais da muller e a relación destas representacións coa consideración social das mulleres.

Entre a comedia historicista, o evento feminista, a conferencia pedagóxica e o monólogo confesional, o espectáculo utiliza o humor para abordar cuestións relacionadas co corpo e a identidade. A peza foi recoñecida co Premio Luisa Villalta 2024 a Proxectos pola Igualdade.

 

 

Chévere, Castelao e a memoria democrática

O sábado 14 de novembro, o escenario do Auditorio recibirá o Grupo Chévere con “ICTUS. Anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao”.

Esta peza de teatro documental parte do cadro de Castelao “A derradeira leición do mestre” para reflexionar sobre a memoria democrática e sobre a maneira en que se constrúen as narrativas arredor do pasado.

A protagonista é unha muller que sofre un ictus e perde parte dos seus recordos. A súa procura para reconstruír aquilo que esqueceu convértese tamén nunha reflexión sobre a memoria colectiva e os traumas aínda sen resolver.

“ICTUS” incorpora, ademais, diferentes medidas de accesibilidade, como intérpretes de lingua de signos en escena, audiodescrición en directo integrada na narrativa, paseo táctil previo para persoas cegas e con discapacidade visual e programa de man en lectura fácil.

A moda como espello da sociedade

O 21 de novembro, Elefante Elegante pechará a programación de outono con Alta costura, un espectáculo cómico, irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais.

A través do teatro físico e visual, a compañía detense no fenómeno da fast-fashion e nos mecanismos que rodean o acto contemporáneo de comprar e tirar roupa: a filosofía do mercado, a rapidez do consumo e a velocidade coa que os produtos se desvalorizan e se converten en residuos altamente contaminantes.

Un Auditorio no corazón da Costa da Morte

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, salienta que “o Concello de Vimianzo reafirma a súa aposta por unha programación cultural diversa e accesible, que achegue ao público propostas de calidade e diferentes formas de entender e vivir as artes escénicas”.

Rodríguez agradece tamén o traballo do Departamento de Cultura, das compañías e de todas as persoas e entidades que fan posible o programa, así como a colaboración da

 

Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, fundamental para seguir fortalecendo a oferta cultural.

A rexedora reivindica, ademais, o Auditorio como un espazo de encontro: “Porque a cultura tamén é territorio, é encontro e é comunidade. E queremos que o noso Auditorio siga sendo ese lugar onde a Costa da Morte se atopa coa creación, co talento e co público.”

Nove historias. Nove miradas. Nove oportunidades para achegarse á cultura, emocionarse, rir, cuestionarse e compartir a experiencia única do teatro en directo.

PROGRAMACIÓN DE OUTONO · AUDITORIO DE VIMIANZO

  • 26 setembro · Excéntricas · Mofa e Befa: Os Dous de Sempre
  • 3 outubro · Colectivo RPM · Suksen, de Jandross Rodríguez
  • 7 outubro · aAntena Teatro · Os fíos da memoria . FEM 2026
  • 10 outubro · Talía Teatro · Artur Ui, o ovo da serpe
  • 23 outubro · Aló Producións · Less Dragqueens and More Chuck norris!
  •  30 outubro · Tartean Teatroa – Escena Norte · ¿Dónde están los niños?
  • 31 outubro · Artyc Content · A historia vaxenial.  FEM 2026
  • 14 novembro · Grupo Chévere · ICTUS
  • 21 novembro · Elefante Elegante · Alta costura

 

🕣 Todas as funcións ás 20:30 h.

®    Entrada xeral: 5 €

®     Entrada reducida: 2,50 € para maiores de 65 anos e estudantes, previa acreditación.

®    Venda anticipada: Woutick e Casa da Cultura.

®    Billeteira: unha hora antes de cada función.

®    Suksen: entrada de balde ata completar aforo.

Ligazóns

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2026 +
- outubro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
26
27
28
29
30
31
 

Perfil de contratante
Boletíns
Museo Virtual SEA- Suelo Empresarial del Atlántico GDR Costa da Morte Grupos de Acción Costeira
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X