Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo, en colaboración coa Deputación da Coruña, puxo hoxe en marcha o I Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte ‘Alza Voz de Muller’, que reúne a 120 mulleres da provincia para compartir experiencias, retos e inspiración arredor do emprendemento e a innovación con perspectiva de xénero.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, foi a encargada de abrir o evento manifestando que “este Foro nace nun lugar que moitas veces quedou fóra dos focos: o rural. Pero aquí tamén hai mulleres que lideran, que emprenden, que transforman e que merecen estar no centro das conversas importantes”.
Rodríguez mostrouse “profundamente orgullosa” da acollida do evento e puxo en valor o camiño colectivo das mulleres ao longo da historia, lembrando que “liderar sendo muller non só require formación ou esforzo: require valentía, autoconfianza e rede” e destacou a importancia que teñen “espazos coma este, creado para pensar xuntas, recoñecernos e visibilizar os desafíos que vivimos” porque “a igualdade non se traballa só en días sinalados, nin só nos espazos institucionais. Constrúese en lugares como este. Con voces como as vosas”, concluíu.
A rexedora agradeceu “a todas as persoas participantes, ás relatoras, ás colaboradoras, ao equipo técnico, ao persoal do concello implicado, aos colectivos sociais e, en definitiva, a todas as persoas involucradas” pero moi especialmente, sinalou, “á Deputación da Coruña polo seu apoio decidido a través do programa PEL Emprende, sen o cal este proxecto non sería posible”.
A deputada provincial Avia Veira salientou que “a pesar de todo o que se conseguiu nas últimas décadas, é moito o que queda por facer para acadar a igualdade real” e, afirmou, “desde as administracións públicas non debemos ocultar, e moito menos aplaudir, as tantas situacións que poñen en risco ás mulleres, senón todo o contrario: debemos visibilizalas, combatelas, e desenvolver políticas públicas que fomenten a igualdade real entre homes e mulleres”.
Pola súa parte, a deputada de Emprego, Rosa Ana García, puxo en valor “o potencial das mulleres rurais como clave para o desenvolvemento local, a innovación e a fixación de poboación”, e reivindicou o compromiso da entidade provincial co emprendemento feminino a través do Plan de Emprego Local (PEL).
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, foi a encargada de pechar a rolda de intervencións poñendo en valor a importancia de que este evento “se celebre aquí, no rural” e definíndoo como “imprescindible” xa que “nos permiten poder escoitarnos, aprender e inspirarnos unhas a outras. Permítenos visibilizar que as mulleres contamos moito e temos moito que contar”.
A importancia destes espazos
Alza Voz de Muller inaugurouse, precisamente, baixo o título ‘Por que necesitamos espazos para mulleres que lideran e emprenden?’ da man da concelleira de Igualdade, María José Pose, que puxo en valor “a forza transformadora” dun foro “que nace no rural pero que rompe fronteiras. Nestas dúas xornadas falaremos con referentes con referentes a nivel nacional, autonómico, provincial e, por suposto, rural”.
A edil concluíu desexando a todas as asistentes que “este espazo sirva para aprender, inspirarse, avanzar e conectar. Pero, sobre todo, para que cada unha de vós se leve algo consigo. Alza Voz de Muller non é un evento pechado, é un foro que construímos e co-creamos entre todas”.
A primeira xornada continuou con dúas mesas diálogo, a primeira sobre o liderado feminino emprendedor, na que participaron Carmen Lence, presidenta do Grupo Lence; María Couto, CEO de XEAL; e Carlota Corzo, cofundadora e previa CEO de Lazzaro; e a segunda sobre emprender desde o rural, protagonizada por Rosa Arcos, secretaria xeral e directora de proxectos Fademur; Paula Pose, xerente de Agrosoneira; Mar Barreiro, xerende de Reneymar; e Inés Silva, fundadora de ISlow Coliving.
Irma Macías e Luís Pinto foron os encargados de pechar este primeiro día cunha actuación musical no Castelo de Vimianzo, que acolleu un cóctel de conexión que serviu como punto de encontro para coñecernos, conectar e celebrar.
O foro continúa mañá, sábado sete de xuño, con novas mesas de debate, relatorios de referentes a nivel nacional e actividades culturais.