Concello de Vimianzo
18 de maio de 2024
O corazón da Terra de Soneira

Novas

04-02-2022

O Concello de Vimianzo presenta a programación de inverno do Auditorio da Casa da Cultura

O concello presenta unha completa programación de inverno para os sábados e domingos dos meses de febreiro, marzo e abril.

O Auditorio de Vimianzo acolle unha vez máis programación das diferentes artes escénicas, 17 espectáculos de teatro, música, danza e circo. 

A programación está cofinanciada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña e pola Rede Galega de Teatros e Auditorios Agadic da Xunta de Galicia. 

Na programación do Auditorio cóntase cun protocolo COVID específico, que vai garantir a seguridade de traballadores, artistas, técnicos e do público. 

O sábado 12 de febreiro a compañía  Rilo&Penadique  achéganos o espectáculo de narración oral e música Arrolando as Flores, onde revisarán os contos colorados, dor, humor, música e as mulleres das nosas vidas.

O 19 de febreiro , Teatro da Ramboia, representa o espectáculo O meu mundo non é deste reino, é unha  adaptación da "Farsa de Bululú" de Manuel María,  unha parodia da ditadura franquista. A recuperación do título orixinal da obra serve para proxectar este laio silenciado no seu día. Hoxe, encabeza o espectáculo de novo para facer fronte a un pasado que insiste en repetirse. O Concello de Vimianzo colaborou coa Casa-Museo Manuel María no certame Manuel María de proxectos teatrais e o espectáculo gañador foi O meu mundo non é deste reino. 

Na programación de marzo destacan 2 espectáculos, o 5 e 12 de marzo, con perspectiva de xénero, encaixados dentro da programación para conmemorar o 8M, de promoción da igualdade entre mulleres e homes.

O 5 de marzo será a quenda do espectáculo #2pilgrims de Redrum Teatro, enfocado ao público adolescente co fin de concienciar, educar en igualdade e inculcar valores que preveñan a violencia de xénero. Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo viaxan a través da auto-ficción polo Camiño de Santiago tocando temas como o feminismo, as novas masculinidades ou a importancia actual das redes sociais

O 12 de marzo Matrioskas, a nova proposta de Charlatana, a cantautora Sofía Espiñeira e a contadora Marta Ortiz únen os seus talentos para crear un espectáculo de teatro musical que fará que as emocións do público afloren e viaxen a través das súas historias. 

O Concello de Vimianzo colabora coa nova produción da compañía Ibuprofeno Teatro Smoke on the water que se representará o 19 de marzo. Unha historia de sexo, drogas, rock and roll, enfermidade, violencia, prostitución, vandalismo, morte e por suposto, de amor. Un elenco de luxo, baixo a  dirección de Santiago Cortegoso. 

O 25 de marzo dentro das actividades que a Deputación da Coruña desenvolverá este ano para celebrar o Día do Teatro, a compañía Condetrespés representará no Auditorio de Vimianzo o espectáculo Rastros. A viaxe dos recordos é un punto de encontró duns amigos que compartiron case todo  agás evolucionar. Fala ao mesmo tempo do  noso  pasado, e  tamén  dunha forma universal dos vínculos humanos. 

Pechamos o mes de marzo, sábado 26,en compaña do recoñecido actor vimiancés, Vicente Mohedano, que nos achega Código Sapiens unha exploración da ciencia da linguaxe.

A linguaxe é unha ferramenta esencial para a organización,o control e o desenvolvemento social e neste discurshow indagará as ideas que indican que a linguaxe puido aparecer para pensar en cousas que non están diante dos ollos, para imaxinar cousas que non existen. 

A programación do  mes  de abril recolle espectáculos de teatro, música, danza e circo e arranca o 2 de abril coa compañía Talía Teatro  que presenta en  Vimianzo a súa última  produción Morte accidental dun anarquista, unha peza de denuncia pero sobre todo unha comedia desaforada. Candido Pazó  dirixe e  adapta o texto  de Darío Fo acompañado do elenco de luxo; Toño Casais e Diego Rey que son profesores da Escola de Teatro Municipal, Marta Ríos, Dani Trillo, Artur Trillo, Xurxo Barcala e Rubén Prieto. 

O sábado 9 de abril, Culturactiva Producións presentará a montaxe teatral As alumnas que afronta temas relacionados coa memoria histórica. As Alumnas é un espectáculo dirixido por Fina Calleja, con texto de Paula Carballeira, e con Anabel Gago e Mónica Camaño no elenco. Dirixido a un público adulto,  trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra.  As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento. 

O sábado 23 de abril a emblemática compañía de circo galega, Pistacatro Productora de Soños achega a Vimianzo Drop, espectáculo de teatro e malabares con música en directo.

Catro malabaristas e un pianista convídannos a vivir no mundo dos soños, no que ollamos patróns, coreografías de obxectos, debuxos no ar que non son outra cousa que os problemas e as tarefas

do día a día de calquera de nós. E, durante unha hora, se non cae o mundo, farannos saír do chan e volver caer para lembrarnos que isto da vida non é máis que un xogo. 

O sábado 30 de abril remata a programación dos sábados con Leira no Camiño da compañía Nova Galega e Danza. O corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo.Os seus creadores e intérpretes transportan o espectador á dura beleza dos labores do campo, coa muller no centro desta conexión. Así, os días, as estacións e as paisaxes son habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os sucos arados na terra.

O profesor da Escola de Danza Municipal Iván Villar forma parte do corpo de baile, e foi Premio Max edición 2021 ao Mellor Intérprete Masculino de danza polo espectáculo Leira. 

As representacións da programación de inverno ,destinadas a adultos serán os sábados ás 20:30h.e a billeteira abre unha hora antes do inicio do espectáculo. 

O prezo de entrada é de 5 euros ( reducida 2.50€) e  haberá descontos para maiores de 65 anos e para estudantes acreditados. 

A   venda anticipada será a través de www.woutick.es ( gastos de    xestión    incluídos)    ou na billeteira da Casa da Cultura de luns a venres de 9:30 a 13:30h.

Estará á venda na Casa da Cultura un bono para os 10 espectáculos por 37,50€ e haberá descontos para maiores de 65 anos e para estudantes acreditados. ( O espectáculo Rastros entrada gratuíta).
 
O público infantil e familiar tamén ten o seu oco na programación do Auditorio,inverno en familia, as tardes dos domingos ás 18:30h. 
Ás para Álex é o novo espectáculo da compañía Baobab Teatro que se representará o domingo 13 de febreiro en Vimianzo. Un proxecto baseado na historia real dun neno chamado Álex ingresado na planta de oncoloxía dun hospital.
 
O alumnado dos Centros de Ensino de Vimianzo participará o 24 de febreiro na intervención teatralizada Sempre Rosalía de Producións Dispersas para conmemorar o Día de Rosalía ( 23 de febreiro). 

O grupo de teatro As avoas de Laxe e compañía interpretarán a tarde do 13 de marzo o espectáculo Facede o favor... pensade. A obra componse de 9 pezas, nas que, en clave de humor, invítase a pensar e reflexionar sobre os comportamentos machistas na actualidade. Recomendada para maiores de 5 anos e público familiar. 

O domingo 27 de marzo Galeatro representará no Auditorio de Vimianzo Carabela, unha tenra historia para visibilizar as consecuencias do uso masivo de plásticos e a importancia de fomentar o respecto polo medio ambiente. 

A Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia  ofrecerá un concerto da  súa xira 2022  o domingo 3 de abril. 

Remata o inverno en familia o domingo  24 de abril con Anxo Moure e a A Ciclobiblioteca chega a Vimianzo e trae libros para coidar a terra. Espectáculo para conmemorar o Día da Terra, 22 de abril e o Día do Libro, 23 de abril. No Auditorio de Vimianzo pedalearán por contos e historias de mares e montañas, de nubeiros e fontes máxicas. 

Para o acceso ao auditorio deberá cumprirse o itinerario seguro e a obrigatoriedade de máscara hixiénica, así como as medidas preventivas de seguridade sanitaria en función da evolución epidemiolóxica.

Descargas

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- maio +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
SEA- Suelo Empresarial del Atlántico
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X